A influencer Eva Porto e a Deputación da Coruña lanzan un novo reto de emprego en 30 días

luns, 26 de decembro do 2022 S. P.

A psicóloga especialista en recursos humanos Eva Porto, referente da dita materia nas redes sociais (onde conta con máis de 1,5 millóns de seareiros), vai liderar a vertente formativa dun programa co-impulsado pola Deputación da Coruña no que se convida ás persoas participantes a adestrarse laboral e profesionalmente durante un mes baixo o reto de atopar un posto de traballo en xaneiro. Trátase do proxecto Reto Empleo 30 días e vén da man da influencer coruñesa Eva Porto. Nas edicións de 2022 da iniciativa participaron máis de 30.000 persoas.
A Deputación da Coruña colabora co proxecto a través Plan de Emprego Local (PEL). Ten por obxectivo concreto “acadar que as persoas participantes consigan un emprego no tempo récord de 30 días a través da realización dunha serie de retos diarios”.
Durante os primeiros 30 días de xaneiro as persoas participantes recibirán no seu enderezo electrónico pequenos desafíos que lles servirán de guías para o seu proceso de procura de emprego. Neles afondarase en todos os aspectos esenciais para ter éxito na súa busca: currículo, entrevistas de traballo, rede social LinkedIn, portais de emprego, etc. Ademais contarase coa participación de empresas como Endesa, Michael Page, Accenture, JD Sport, Sprinter, Minsaint, entre outras, que irán publicando as súas vacantes a través dos distintos retos.
Na edición de 2023 do Reto Empleo 30 días tamén participarán outros influencers como María Speaks English, que impartirá un reto sobre entrevistas en inglés; Lawtips, que explicará o uso das redes sociais a nivel profesional; ou Un Tío Legal, que explicará os dereitos dos traballadores.
As inscricións son gratuítas e deben realizarse a través da páxina web de Eva Porto.
O Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña continúa a apoiar as iniciativas de fomento do emprego e mellora da empregabilidade como medio para acadar unha maior cohesión social e de potenciar o desenvolvemento socioeconómico do territorio.

PUBLICIDADE