A industria intelixente do mundo pon a vista na nova edición das JAI, na UVigo

martes, 15 de novembro do 2022 S. P.

Vigo está estes días (até o venres 18 de novembro) no punto de mira de todas as persoas que e adican a investigar, en Galicia, España e Europa, con tecnoloxías intelixentes que nos axudan a producir mellor e máis eficientemente, de forma máis racional e rendíbel e respectuosa co medio ambiente. O motivo é a oitava edición das Xornadas de Automatización Industrial (JAI) da Universidade de Vigo, impulsadas unha vez máis polo profesor e investigador Ignacio Armesto. Este luns arrincaron as actividades con máis de 1.000 persoas rexistradas e 125 empresas participantes. O programa inclúe medio cento de conferencias.
Inauguración oficial
A inauguración oficial tivo un escenario duplo: primeiro, nun ateigado salón de actos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, coa intervención de múltiples autoridades e, a continuación, no vestíbulo central da Escola de Enxeñería Industrial, onde, como xa é tradicional, instalouse a sala de demostracións Industria 4.0, na que as empresas participantes, máis de 35 firmas moi recoñecidas no sector, realizaran exhibicións das últimas tecnoloxías en automatización e robótica.
A inauguración das xornadas, presidida polo reitor da Universidade de Vigo Manuel Reigosa, deixou patente a necesidade de transformar tecnoloxicamente a industria. “Estamos a vivir unha oportunidade e un momento histórico para Galicia e para España”, subliñou o reitor, facendo fincapé en que, se ben, “perdéronse moitos trens ao longo da historia, por cuestións xeográficas ou administrativas, nestes intres hai a oportunidade de estar en primeira liña, entre outras cousas, polo poderoso vento que chega de Europa, en forma de financiamento”. Centrándose no caso concreto de Galicia, o reitor fixo fincapé en que se levan moitos anos facendo os deberes e cóntase con “tres boas universidades”, que lanzan ao mercado talento moi ben formado “que pode competir con calquera persoa do mundo”, pero que, “a maiores”, estase facendo o esforzo de ir por diante.
Á boa formación das enxeñeiras e enxeñeiros formados en Vigo fixo tamén mención o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, quen coincidiu co reitor en afirmar que a sociedade vive un “cambio de paradigma a todos os niveis” e, dentro deste cambio, un dos vectores que mellor o representan é o continúo desenvolvemento tecnolóxico. “Nesa liña, xornadas como estas poñen de relevo as boas sinerxías que resultan da unión entre o mundo educativo e o profesional”.
Con emisión en directo a través da canle1 de UVigoTV, a 8ª edición das JAI achega múltiples novidades no seu programa, incluídas catro mesas redondas, dúas moderadas por ISA Spain e as outras dúas por AER Automation, centradas en ciberseguridade, mantemento preditivo, robótica móbil e visión e Intelixencia Artificial; unha gran exposición de robótica, co dobre de participantes que na derradeira edición, e a presenza de Spot Enterprise de Boston Dynamics, o cuadrúpedo co brazo máis avanzado do momento. Así mesmo, varias firmas patrocinadoras e participantes amosarán ao longo de toda esta semana os seus robots máis avanzados, nos eidos colaborativo, sensitivo e móbiles autónomos, principalmente. Ademais este ano cobran especial protagonismo neste showroom as asociacións de estudantes como UVigo SpaceLab ou UVigo Motorsport.
Amais, segundo salientan dende a organización, ao longo destes cinco días superaranse as 40 horas de conferencias e mesas redondas, impartidas por 70 profesionais, que abordarán nos seus relatorios cuestións como infraestruturas críticas, monitoraxe e control, ciberseguridade industrial e zero trust, xemelgo dixital, Intelixencia Artificial, analítica de datos, industria de proceso, etc.

PUBLICIDADE