A industria desenvolve unha plataforma blockchain para incrementar a seguridade e a calidade na pesca

martes, 29 de marzo do 2022 S. P.

A Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI), o Centro Tecnolóxico Fundación CETMAR e o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) veñen de lanzar un novo proxecto destinado mellorar e automatizar os traballos da cadea de valor dos produtos pesqueiros. Chámase Pescando 4.0 e é unha iniciativa financiada polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e os fondos europeos Next Generation EU.
Consiste nunha plataforma intelixente que bota man de tecnoloxías de cadea de bloques (blockchain) e Internet das Cousas (IoT) para garantir a rastrexabilidade (trazabilidade), a seguridade, a calidade e a sustentabilidade en todos os procesos relacionados coa actividade pesqueira.
Para materializar esta tecnoloxía, durante o vindeiro ano e medio desenvolverase e implementarase a escala piloto unha plataforma baseada en tecnoloxías 4.0 e validarase o funcionamento desta solución en tres pesqueiras, desde a captura do produto até a súa primeira venda: bacallau capturado en augas internacionais de Svalvard/Noruega, robaliza de profundidade en augas do cinto antártico e xarda en augas do Caladoiro Cantábrico-Noroeste.
Segundo informan dende ARVI, o CETMAR e o IIM, “a adopción do sistema blockchain por parte do sector pesqueiro achegará, á parte de seguridade e inviolabilidade na información, unha oportunidade para reforzar a transparencia e mellorar con iso a eficiencia dos procesos e a imaxe do sector pesqueiro dentro do mercado alimentario, fronte a uns consumidores cada vez máis mentalizados e esixentes en materia ambiental e acerca dun consumo responsábel, saudábel e seguro”.

PUBLICIDADE