A industria cultural esixe deixar sen rede aos 4.500 internautas que máis contidos suban

luns, 27 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

Se até o de agora unha boa parte dos internautas españois confiaba en que as empresas que achegan servizos de acceso á Rede non moveran peza a favor da gran industria e os dereitos pechados de autor á hora de controlar o que se baixa e se sube pola Internet, se cadra este que estamos a vivir sexa o intre máis axeitado para unha reproposición desa confianza. Polo menos, isto é o que se deduce dos encontros que segundo informan medios dixitais como El Periódico veñen de manter o sector da gran industria cultural (a que defende a blindaxe das redes de intercambio de ficheiros) e as firmas operadoras, sendo unha das conclusións máis salientables da xuntanza o acordo para abranguer o 95% da regulación do trasfego sen autorización expresas de música, filmes e xogos. Porén, a reunión, que non é a primeira desta mesma natureza celebrada en España (hai un ano sentouse o alicerce da negociación), aínda dará máis que falar no que se refire ao 5% que resta, onde se concentran as áreas do programa que xeran máis discusión entre os sectores dunha facción e outra e, tamén, entre a propia comunidade internauta.
Ou sexa, que nese 5% de escuridade regulamentaria temporal (polo menos até que se celebre outra xuntanza, a curto ou medio prazo, ou o Goberno decida meter man), atopamos cuestións como o que facer cos internautas que máis suban e descarguen material copiado, un tema que para as operadoras tería que solucionarse con sancións económicas pero que para as sociedades de xestión de dereitos de autor debería achegar unha desconexión á Rede en toda regra.
Estes internautas máis piratas serían os chamados primeiros difusores, e neste intre calcúlase que o seu número é de 4.500, estando ao parecer perfectamente localizados ao longo dos últimos seis meses polas empresas de servizos de Rede.
Para a industria do eido cultural, a cifra de desconectados potenciais non tería nada de escandaloso, sobre todo se a comparamos co que acontece en países como Francia, onde se vai perseguir xa a unha boa parte da comunidade internauta (practicamente ducias de milleiros ao día). Do que se trata, sinala o sector do cinema e da música, é de facer algo proporcional ao efecto que se procura.
Por certo que na reunión participaron Ono, Telefónica ou Orange en representación das operadoras, e a SGAE e Promusicae defendendo os intereses da gran industria cultural e as licenzas pechadas de propiedade de autor. Da xuntanza, ademais do devandito, despréndese que as pescudas se dirixirán máis ben a quen sube contidos á Rede, e non tanto aos que os baixan. Asemade, a súa idea é perseguir aos que non dan respiro ás redes P2P e as usan de xeito notorio para o seu lucro persoal. Dito doutra maneira: centraranse na oferta en maior medida ca na demanda. Ao seu xuízo, hai tres tipos de internauta:
· Primeiros difusores. Os devanditos 4.500, responsables da maior parte das películas, dos xogos e das cancións que se se intercambian. Este grupo é o que está arestora no punto de mira dos colectivos empresariais da cultura.
· Usuarios masivos. Arredor de 60.000, son os internautas que até o de agora se definen por poñer ao alcance da man da comunidade internauta e de xeito repetido e constante unha cifra salientable de arquivos. A persecución deste colectivo non semella urxente, pero prevese que a medio prazo se lles notifique a desconexión a Internet en canto sexan detectados. Cómpre sinalar que só se levará isto a efecto logo de que teñan pasado 12 meses da entrada en vigor do regulamento que se está a preparar, e sempre e cando as infraccións dos dereitos de propiedade intelectual en España non se reduciran nun 70%.
· Usuarios comúns. Son, para que enganarnos, a meirande parte dos usuarios da Rede, que a usan para obter información e tamén, para baixar cada pouco tempo algunha película ou canción. Neste grupo hai arestora arredor de oito millóns de internautas.
Polo que respecta ao Goberno, é moi posible que sexa finalmente a mediadora entre unha parte e outra. Segundo se sinala en El Periódico, non se pode descartar que tome as decisións pertinentes sobre ese 5% que falta.

PUBLICIDADE