A imaxe de Twitter non mellora nin anunciando novas funcións

martes, 2 de maio do 2023 Marcus Fernández

As novidades relativas a Twitter non foron moi boas nos últimos días, dando conta de importantes fallos no servizo (que impedían empregar a plataforma social dende o ordenador) ou incluso cunha consecuencia máis das restricións que Twitter puxo á súa API, levando a que Jetpack Social, un coñecido engadido de WordPress desenvolvido pola propia Automattic, tivese que eliminar o grande soporte que tiña de Twitter, de xeito que xa non resulta tan doado que os creadores poidan compartir na plataforma de Elon Musk as súas publicacións dun xeito automático.
En contraste, Automattic anuncian que están a preparar a función de compartir publicacións de xeito automático en Instagram e Mastodon, o que é unha mostra máis da mala xestión que está a ter Twitter, que non deixa de potenciar aos seus competidores.
Os problemas para Twitter non quedaron aí, senón que nos últimos días tamén houbo importantes infraccións do copyright na plataforma que poderían ter serias consecuencias, como o feito de que compartisen a película completa de Super Mario Bros. superando os 9,3 millóns de reproducións, ou incluso copias da última entrega de Avatar, deixando en evidencia que non hai mecanismos de vixilancia para evitar este tipo de infraccións, nin tampouco se atenden axilmente as denuncias, neglixencias que coa lexislación estadounidense poderían supor importantes sancións para Twitter.

Cobrar por artigos soltos

Pero non todo ao redor de Twitter é negativo, senón que tamén houbo un anuncio interesante realizado por Musk no que deixou caer que no mes de maio facilitaría que os editores puidesen cobrar pola lectura de artigos soltos cun único clic como unha alternativa ás subscricións mensuais, no que considera que é unha grande vantaxe para medios e público.
Aínda que a nova idea de Musk poida ter sentido, realmente non estamos ante algo para o que os medios de comunicación precisen a mediación de Twitter en absoluto, e non parece que ningún medio importante vaia ter interese en engadir un intermediario para cobrar polos seus contidos.

PUBLICIDADE