A homenaxe a Rosalía de Castro no Instituto Cervantes retransmitirase nas redes no Día Europeo das Linguas

venres, 22 de setembro do 2023 S. P.

As institucións adicadas a velar pola conservación e o fomento da cultura e das linguas co-oficiais no ámbito estatal (o Consello da Cultura Galega – CCG, o Instituto Cervantes, o Euskal Etxepare Institutua e o Institut Ramon Llull) volverán xuntar forzas este 26 de setembro para celebrar o Día Europeo das Linguas. Será unha edición na que cobrará especial protagonismo a cultura galega. De feito, a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, depositará na Caixa das Letras que mantén o Instituto Cervantes un legado in memoriam de Rosalía de Castro.
Será no marco do acto no que se presenta a edición especial multilingüe do poema Cry to Rome, obra de Federico García Lorca. O acto, que se desenvolverá na sede do Cervantes o vindeiro luns 25 de setembro (11 horas), conta coa presenza do presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez.
Segundo confirmou o CCG, “será a primeira vez que a cultura e a lingua galega entran na Caixa das Letras”, cápsula do tempo mantida polo Instituto Cervantes que garda obxectos relacionados coa ciencia, as artes e as letras da cultura hispana.
O acto terá lugar na sede do instituto Cervantes en Madrid e poderá seguirse en directo a través do web e das redes sociais do Cervantes. Tamén a través do Youtube.
Cry to Rome
Un dos actos centrais da celebración conxunta do Día Europeo das Linguas, que este ano terá lugar na sede do Instituto Cervantes en Madrid, é presentación da edición especial multilingüe do poema Cry to Rome, obra de Federico García Lorca. O poema, incluído en Poeta en Nova York, recolle as impresións que o poeta acumulou durante a súa viaxe aos Estados Unidos en 1929.
O poema foi traducido galego xunto cunha morea de idiomas: alemán, búlgaro, catalán, checo, croata, danés, eslovaco, esloveno, estonio, éuscaro, finés, francés, grego, húngaro, inglés, irlandés, italiano, letón, lituano, maltés, holandés, polaco, portugués, romanés e sueco.
No acto, que rematará coa intervención de Pedro Sánchez, presidente do goberno en funcións, realizarase unha lectura de poemas nas linguas cooficiais de España e nos dos países do trío da presidencia do Consello da Unión Europea (España - Bélxica - Hungría), a cargo dos escritores Bernardo Atxaga, Estel Solé e Manuel Rivas, máis o actor e director Juan Diego Botto.
Concerto A palabra na música
No marco desta celebración, o martes día 26 (propio Día Europeo das Linguas) tamén organizarase a maiores unha actividade titulada A palabra na música, unha velada de música e poesía. Nesta ocasión, os autores que recitarán os poemas son Eduard Escoffet, Pilar Adón, Leire Bilbao e Manuel Rivas. Mentres que a parte musical estará a cargo dos artistas Sheila Blanco, Renaldo & Clara, Izaro e Xoel López.
Día Europeo das Linguas
O Día Europeo das Linguas é unha iniciativa que naceu no ano 2001 para homenaxear, difundir e concienciar da diversidade lingüística de Europa, un continente que ten 24 linguas oficiais e onde hai arredor de 60 linguas rexionais ou minoritarias, ademais dos idiomas procedentes doutras partes do mundo. Esta iniciativa busca “facer visíbel a diversidade lingüística como unha ferramenta fundamental para lograr unha maior comprensión intercultural e un elemento clave do rico patrimonio cultural do noso continente”.
Este día conmemorativo, instaurado pola Comisión Europea e o Consello de Europa, celébrase todos os anos o 26 de setembro e representa a 800 millóns de cidadáns de 47 países. Na iniciativa participan numerosas institucións e asociacións con intereses culturais e lingüísticos, universidades e centros escolares.


PUBLICIDADE