A guía turística do Concello de San Sadurniño convértese en páxina web

xoves, 5 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello de San Sadurniño vén de converter en páxina web a súa guía turística local, publicada hai agora un ano en formato tradicional. Podemos ver o resultado da transformación en formato online, en Google Sites, mantendo (e potenciando) a súa función de resumir todos os atractivos culturais, medioambientais, paisaxísticos, turísticos e etnográficos do termo municipal coruñés. E co engadido extra das posibilidades que ofrece a Rede, como por exemplo os mapas interactivos, un maior número de imaxes e mesmo a sincronización coa axenda de eventos municipais.
Ademais, toda a información dispoñíbel enriquécese con ligazóns aos salientábeis artigos do proxecto de dinamización socio-tecnolóxica Fálame de San Sadurniño. O novo sitio pode consultarse xa dende o devandito servizo Google Sites.
A web, de deseño responsive (adáptase a todos os dispositivos), achéganos nunha primeira pantalla os contidos divididos nunha ducia de apartados: paisaxe, época anterior á romanización, o castelo de Naraío, o Pazo da Marquesa, o Convento do Rosario, o patrimonio relixioso, patrimonio civil, feiras e festas, aloxamentos e restaurantes, rutas que se poden facer, un plano de recursos e unha entrada referida ao Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal.
Ademais, na páxina de portada tamén aparecen todos os recursos publicados en Google Calendar, tanto os organizados polo Concello como aqueles que lle fan chegar as entidades do municipio.
As seccións interiores (cada un dos apartados) contan con descricións da historia e dos elementos patrimoniais e naturais do concello, ilustrados cunha chea de fotografías e mesmo algún vídeo.
A mini-web de turismo de San Sadurniño estará dispoñíbel tamén en castelán nos próximos días. Ademais o Concello anunciou que fará algúns axustes para axilizar a velocidade de carga dos contidos.

PUBLICIDADE