A gran maioría das aplicacións móbiles non serán negocio rendíbel

martes, 14 de xaneiro do 2014 Redacción

As aplicacións móbiles son un importante nicho de actividade, e cada día máis (co espallamento de smartphones e tablets e coa consolidación de tecnoloxías que amplían as posibilidades online dos aparellos, como a tecnoloxía 4G). A cuestión é que malia tratarse dun nicho importante, non é tampouco a mina de ouro común que se agardaba. Así nolo conta Gartner, que nun dos seus máis recentes informes afirma que menos do 0,01% das aplicacións para móbiles serán consideradas un éxito económico polos seus desenvolvedores no ano 2018. Así, o feito de que o sector das aplicacións ferva de actividade, non quere dicir que o móbil nos vaia enriquecer a todas e todos, dise.
Porén, Gartner tamén recoñece que unha boa parte das ferramentas sábese que non se destinan á xeración de beneficios, senón que son servizos achegados para apoiar outros servizos, ferramentas lanzadas por prestixio ou ben de xeito desinteresado para ampliar as capacidades de comunicación e interacción dos aparellos, produtos que abren a porta a produtos novos, software achegado ao mundo polo simple feito de mellorar a experiencia dos destinatarios, etc. O abano de posibilidades é infinito. Para a consultora, esta realidade sábena algúns, pero outros non. Ao seu xuízo, é imprescindíbel que todo o mundo entenda que os beneficios pode que non cheguen nunca. Asemade, dende Gartner cualifican o mercado de ferramentas móbiles como “hiperactivo”, con máis de 200 provedores de desenvolvemento de plataformas e millóns de deseñadores de aplicacións. Gartner calcula que para 2017 o 94,5% das descargas serán de balde. Esta é a tendencia: unha corrente que sitúa a gran maioría das aplicacións de pago, as que acadan menos de 500 descargas por xornada, ao límite da subsistencia ou definitivamente fóra de calquera marxe axeitada de beneficio. Canta máis competencia, máis se afianzará esta realidade.

PUBLICIDADE