A galega Televés amosará en Andina Link a súas solucións para redes de TV

venres, 27 de febreiro do 2015 Redacción

A compañía galega Televés participará un ano máis na feira Andina Link, en palabras da empresa compostelá “unha feira de referencia no mercado latinoamericano dos servizos de televisión e telecomunicacións”. A participación neste evento, que terá lugar na cidade colombiana de Cartaxena de Indias o 3,4 e 5 de marzo, pon de manifesto “a consolidación da compañía no mercado de Latinoamérica”, sinala Televés, que exporá entre outras cousas as súas novas e avanzadas solucións para redes de televisión e datos de alta velocidade.
Segundo apunta a empresa galega, o potencial da tecnoloxía que vai amosar en Andina Link é moi amplo e interesante para os países da contorna. De feito, di, este mercado está arestora implantando con éxito a Televisión Dixital Terrestre (TDT) e atópase mergullado, tamén, na incipiente hibridación cara a redes de acceso ultrarrápido, con servizos de televisión, telefonía e datos de alta velocidade”. Por certo que no caso de Colombia, que é o país anfitrión da feira, xa é posíbel “falar da implantación contrastada da regulamentación específica sobre Redes Internas de Comunicacións (RITEL)”, explica a empresa galega, que terá unha “situación privilexiada” na caseta 45 área B da devandita feira latinoamericana.
Nun plano máis detallado, Televés amosará tecnoloxías innovadoras para sistemas colectivos de captación e distribución de sinais de televisión para redes de cable, edificios, hoteis, hospitais, mineiras, etcétera. Ou sexa, darase conta dos últimos achados para a dixitalización de redes de cable cos novos Encoders e Transmoduladores para alta definición (HD) en QAM, DVB-T/T2 e ISDB-Tb.

PUBLICIDADE