A galega Telecon presenta en Amsterdam a súa solución para a xestión de redes eléctricas intelixentes
luns, 14 de outubro do 2013
- Jacobo Penide, director de Desenvolvemento de Negocio de Telecon
A empresa galega Telecon
anunciou este luns que participará arreo, amosando as súas máis
recentes innovacións, no que con toda probabilidade é a día de
hoxe o meirande escaparate europeo de tecnoloxía para as redes
eléctricas intelixentes (smart grids), a feira European
Utility Week, que reunirá en Amsterdam, desde mañá até o 17
de outubro, a 8.000 profesionais de máis de 300 firmas de todo o
mundo. O encontro serviralle á compañía galega para amosar
internacionalmente as potencialidades da súa solución para a
xestión das devanditas redes, baseada no estándar de Prímea
Alliance e que salienta, en palabras de Telecon, por ser quen de
adaptarse ás necesidades dos distribuidores de mediano e pequeno
tamaño.
Cómpre ter en conta,
informa a firma galega, “que a xestión de redes eléctricas
intelixentes é un mercado de dimensión global que está en pleno
desenvolvemento, ao que hai que engadir o feito de que a Unión
Europea e a maioría das economías avanzadas teñan establecido
prazos xa que obrigan aos operadores do sector enerxético a dotar de
intelixencia ás súas redes, o que fai posible a lectura a distancia
e en tempo real dos contadores eléctricos, entre outras numerosas
vantaxes para empresas e usuarios”. Para Telecon, acudir á
European Utility Week é unha gran oportunidade dende tódolos
puntos de vista, incluído o punto de vista da internacionalización.
De feito, un dos grandes obxectivos da firma, ao fío da dita
solución para redes intelixentes, é o da exportación. Así nolo
contou este luns Jacobo Penide, director de Desenvolvemento de
Negocio de Telecon, que sotén que “os distribuidores eléctricos
españois xa coñecen e aprecian as vantaxes do noso desenvolvemento,
que está a obter resultados moi satisfactorio nas probas piloto
realizadas en Galicia”. Porén, este intre que vivimos é o intre
axeitado para dalo a coñecer entre os operadores do resto do mundo.
O punto de forte desta tecnoloxía, engade, non é outro que a súa
capacidade para adaptarse ás demandas técnicas e orzamentarias dos
distribuidores de tamaño mediano e pequeno, tanto en contornas
urbanas como semi-urbanas e rurais.
Como lembraremos, a
tecnoloxía desenvolvida pola compañía galega está integrada por
un concentrador de comunicacións e unha plataforma de software.
Trátase do resultado de dous anos de traballo do departamento de I+D
da compañía, que decidiu apostar polo estándar de Prímea
(Powerline Intelligent Metering Evolution), a xuízo de
Telecon a tecnoloxía de máis implantación a día de hoxe a nivel
internacional.