A galega Tecalis lanza unha tecnoloxía pioneira para verificar avatares no Metaverso

mércores, 22 de xuño do 2022 S. P.

Tecalis, empresa tecnolóxica de Ames centrada en solucións de verificación de identidade de persoas no mundo real, vén de dar un paso relevante na súa actividade, securizando a identidade dos avatares do Metaverso a nivel mundial. Faino co sistema Tecalis Avatar Identidy (unha tecnoloxía que demostra que un avatar é quen di ser a través dunha solución que verifica, identifica e certifica a súa identidade) e co obxectivo de “combater as accións fraudulentas e delitos que xa se están a cometer no Metaverso, tanto en espazos de negocios como persoais, mediante diversas formas de suplantación”.
A finalidade última é “permitirnos operar con seguridade nos novos espazos virtuais”, explican fontes da empresa con sede en Milladoiro (Ames), engadindo que a nova solución presentada “será a primeira tecnoloxía que combaterá este tipo fraude no Metaverso e ás persoas que se agochan detrás dos avatares falsos”.
No evento de lanzamento, que tivo lugar a pasada semana na Cidade da Cultura (Santiago de Compostela), os expertos de Tecalis profundaron en como os novos escenarios que ofrece este Metaverso ás empresas e ás persoas “traerán infinitas oportunidades en diversas situacións cotiás e, sobre todo, nos negocios”. Ademais, de xeito paralelo, expuxeron os grandes riscos que poden xurdir neste novo universo virtual e, para máis, alertaron da irrupción das actividades fraudulentas, que “medrarán exponencialmente segundo aumente a adopción desta tecnoloxía inmersiva”, sinalaron.
Así, e en palabras do director executivo de Tecalis, Isidoro Martínez Soñora, “a identidade é clave. Quen está no Metaverso debe estar identificado fidedignamente. Isto tórnase esencial tendo en conta o infinito abano de oportunidades que ofrece este novo espazo para sectores como o de o comercio retallista, as finanzas, o realstate, o eido gamer ou o entretemento dixital; polo tanto é máis necesario que nunca garantir novas medidas de seguridade e de privacidade ás empresas para que poidan operar con tranquilidade”.
Noemí Brito Izquierdo, directora de Áreas Legais en KPMG Avogados, fixo unha aproximación á gran variedade de fraudes que se poderán dar no Metaverso (e que xa se están dando). Segundo Brito, “isto só é o principio. Xa hai denuncias de abuso sexual”.
Respecto da tecnoloxía achegada por Tecalis, a súa clave reside na verificación dobre con proba de vida e biometría, empregando o vídeo para a certificación segura. “Aínda que esta tecnoloxía tería sentido en todos e cada un dos metaversos, a realidade é que a súa pronta adopción acontecerá sobre todo naqueles destinados a menores, á educación, aos espazos de coworking virtuais, ás compras, ás vídeo-chamadas entre persoas, ás competicións, ao intercambio de activos virtuais, etc”, explicaron dende Tecalis.

PUBLICIDADE