A galega TLR achégalle a Eurobits tecnoloxía para fortalecer o seu sistema de facturación electrónica

venres, 5 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

A empresa galega TLR vén de asinar un acordo con Eurobits polo que procederán a integrar as súas plataformas coa finalidade de dixitalizar o seu ciclo comercial completo, dende o pedido até o pago, e de xeito integrado cos programas de xestión.
Esta colaboración entre as dúas firmas, que consiste basicamente nun intercambio de coñecemento e innovación (cada unha achega á outra o que a esta lle falta, por dicilo así), permitiralle a Eurobits beneficiarse da plataforma de intercambio de datos desenvolvida por TLR, integrando de xeito automático nos seus programas de xestión a factura electrónica e outros documentos como pedidos ou albaráns.
Asemade, a plataforma de Eurobits achega ós clientes de TLR a opción do pago electrónico. Cómpre sinalar que Eurobits é unha empresa con sede en Madrid que empresta servizos dixitais a entidades financeiras, sobre todo no que se refire á factura electrónica ou á agregación bancaria e comparativa de e-bancas.
Segundo apuntan os asinantes do acordo, o achegamento a TLR "amplía de xeito notorio as posibilidades do Sistema eFactura Eurobits, polo que as entidades financeiras fornecen ós seus clientes dun servizo de facturación telemática a través da súa banca electrónica". E engaden: "Deste xeito, redúcense de xeito drástico os erros por traslación de datos de papel a computador ou á inversa, e facilítase o almacenamento e recuperación de facturas, ademais do seguemento do cobro".

PUBLICIDADE