A galega Sonen pon en xogo a súa tecnoloxía para mellorar a acústica da discoteca máis grande do mundo

luns, 25 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

Os estudos sobre acústica, coma todo o que ten que ver con calquera estudo en detalle (pormenorizado e útil até onde sexa posible) de calquera elemento da nosa vida cotiá, xa hai tempo que camiñan da man da innovación tecnolóxica. Para procurar exemplos dun traballo innovador arredor do ámbito do son non é preciso, nin moito menos, botar unha ollada fóra da nosa terra. Isto foi o que tiveron en conta os responsables da discoteca máis grande do mundo (segundo o Guinness), a sala Privilege de Eibissa, que veñen de confiar á firma galega Sonen a mellora das súas condicións acústicas. Así nolo conta a Tecnópole de Ourense, centro de operacións da dita empresa, que sinala que as tarefas de estudo e análise desenvolvidas na devandita sala achegaron resultados de proxecto “altamente satisfactorios”.
Os tests, realizados coa discoteca achegando música a pleno rendemento, “permitiron comprobar que o método de predición de ruído a través de modelado conseguiu parametrizar perfectamente o funcionamento da sala e máis a influencia sobre o contorno, sempre complementado cos datos das medicións acústicas e da inspección in situ”, explica Óscar Outumuro, un dos socios de Sonen. A orixe deste traballo estivo no fracaso de varias experiencias previas a prol da mellora da acústica levadas a cabo por diferentes empresas. Tras descubrir na prensa especializada algúns dos froitos acadados por Sonen en distintos estudos de acústica, o dono da sala decidiu pórse en contacto coa firma galega, á que se lle encomendou a máis que complexa tarefa de diminuír na medida do posible as molestias a veciños ou terceiras persoas causadas polo son da sala, mesmo naquelas zonas da discoteca onde non había risco de provocar molestias.
Logo de varias xornadas facendo medicións acústicas e recompilando datos, os técnicos de Sonen detectaron que varias zonas da discoteca tiñan problemas de illamento. Deste xeito explican os responsables da firma o desenvolvemento das tarefas: “Os traballos de inspección in situ completáronse con simulacións acústicas sobre un modelado 3D da sala, o que permitiu obter resultados máis completos e, polo tanto, achegar solucións de meirande alcance: reforzo de certas zonas con illantes, instalación de cristalería especial, habilitación de túneles acústicos, mellora de detalles de remates, tratamento concreto para as tomas de aire, tratamento no cerramento do teito (que a través dun sistema corredizo se abre e deixa toda a discoteca descuberta), tratamento con novos materiais, etc”.

PUBLICIDADE