A galega Scio IT revoluciona o mantemento de instalacións inaccesíbeis coa tecnoloxía SAMLA
xoves, 17 de novembro do 2016
A
empresa tecnolóxica galega Scio
IT,
da que falamos
en Código Cero para salientar a súa participación no proxecto de
pesca e navegación intelixente Smarnet, vén de desenvolver unha
tecnoloxía directamente encamiñada a velar a
distancia polo
po funcionamento das instalacións e equipamentos dunha empresa ou
entidade. Trátase de SAMLA,
plataforma para o mantemento e solución de incidencias que, entre
outras moitas cousas, capacita a un operario que estea realizando
labores de mantemento recibir soporte en tempo real por parte dun
especialista remoto, “exactamente
coma se este se atopase fisicamente ao seu carón”.
A ferramenta achega un amplo potencial de versatilidade e pode ter
aplicación en múltiples empresas, sectores e ámbitos de traballo.
O nexo común de todos eles é que conten con instalacións remotas
e/ou de acceso complicado.
Segundo
lembran dende Scio IT, dispoñermos
deste
tipo de infraestruturas na nosa organización obríganos a buscar
solucións ao seguinte problema: como simplificar, abaratar e facer
máis eficientes operacións de diagnóstico, reparación ou
mantemento destes equipamentos, tendo en conta que na meirande parte
dos casos será preciso o desprazamento de técnicos especializados?
SAMLA, informa a empresa, é a resposta á devandita pregunta.
A
tecnoloxía en cuestión integra tecnoloxías de comunicacións,
vídeo, trebellos carrexábeis coma prendas (weareables),
computación na nube e software de xestión. Trátase, máis en
detalle, dun conxunto de dispositivos integrados que serven para
xerar, de maneira simple, unha contorna de traballo cunha rede
mallada de comunicación que permite o emprego da tecnoloxía de
telepresenza en escenarios industriais, até o de agora inaccesíbeis.
A
actuación realizada de SAMLA artéllase a partir dos seguintes
pasos: primeiro, rexistro da incidencia en SAMLA (o xestor recibe o
aviso de avaría); segundo, o xestor asigna a un especialista á
incidencia e programa unha cita para a actuación (neste intre xérase
un aviso automático para o operario e o especialista); terceiro, o
operario desprega a rede e dispón as cámaras e sensores na zona de
actuación; cuarto, á hora programada lévase a cabo a intervención
dispoñendo do apoio do especialista remoto; quinto unha vez resolta
a incidencia o operario e o especialista dan por rematado o traballo.
A maiores, a tecnoloxía inclúe unha función para permitirlle ao
xestor pechar a xeira de traballo, catalogándose os labores
realizados e “alimentando” a base de datos coa información
relevante das tarefas levadas a cabo.
Segundo
salienta Scio IT, o sistema tamén destaca polo seu carácter
funcional (todos os elementos precisos para contactar co técnico de
soporte remoto inclúense nunha maleta portátil que serve de
estación de recarga e pasarela de comunicación cara aos servidores
de SAMLA) e pola súa sinxeleza (o operario desprega unha serie de
cámaras e sensores que permiten ao técnico de soporte remoto
avaliar, diagnosticar e guiar a reparación).