A galega LambdaStream comercializa no mundo servizos de televisión móbil interactiva

xoves, 1 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

A empresa galega LambdaStream –con sede na Coruña- vén de afondar na súa experiencia coa televisión móbil interactiva (concretamente no estándar DVB-H) a través dos seus servizos Antares (guía electrónica da programación) e a plataforma de vídeo baixo demanda, VoDKA. O primeiro dos servizos, informa a compañía galega nun comunicado, permítelles ós usuarios a navegación polo menú de programación da televisión móbil e é unha guía electrónica semellante a outras que se poden empregar hoxe en día en televisión dixital pero desenvolvida expresamente para a tv móbil. Segundo apunta LambdaStream, este servizo xa está a espertar o interese de empresas senlleiras no sector das telecomunicacións, como Morotola, Nokia, Sagem, Samsung ou BenQ, que puideron achegarse á dita tecnoloxía no congreso 3GSM de Barcelona ou o CSTB 2007 de Moscú. Para a firma da Coruña, unha das principais vantaxes de Antares é a súa interoperabilidade con todo tipo de aparellos.
Por outra banda, LambdaStream tamén está a presentar estes días a plataforma de vídeo baixo demanda denominada VoDKA (Video on Demand Kernel Architecture), que, en palabras da propia empresa, vai encamiñada a abrirlles ós usuarios as portas das máis avanzadas aplicacións interactivas.
Cómpre sinalar que estes servizos interactivos están presentes xa nunha das redes comerciais de televisión móbil en DVB-H máis importantes do mundo (probablemente a segunda): a da Federación Rusa, incluíndo 15 canles de televisión. A empresa galega é a encargada de achegar as devanditas guías electrónicas e plataforma de vídeo baixo demanda.

PUBLICIDADE