A galega Krasis lanza un libro sobre SignalR de repercusión internacional

mércores, 20 de marzo do 2013 Redacción

Entre os desenvolvementos recentes de Microsoft salienta un servizo que responde, curiosamente, máis ás metodoloxías de traballo das empresas open source cás dunha multinacional representante do software privativo como é a firma de Redmond. Falamos de SignalR, biblioteca de balde, aberta, que permite crear aplicacións web multiusuario, asíncronas e en tempo real. Pois ben, este servizo e as súas potencialidades, segundo informa a empresa galega Krasis, poden dar moito que falar. Para desvelar as súas posibilidades e funcionamento, a editorial Krasis (a través do seu selo CampusMVP) vén de publicar un libro (en formato e-book) de José María Aguilar, traducido xa ao inglés e amosando un fito a ter en conta: máis de 4.000 descargas nun período de dúas semanas.
Segundo nos contan dende a firma galega, este éxito tivo en boa medida a súa raizame no interese amosado por David Fowler e Damian Edwards, creadores da devandita biblioteca e membros do equipo de ASP.NET en Microsoft. O seu interese traduciuse en recomendacións diversas en diferentes canles e xuntanzas, incluíndo as redes sociais de meirande uso, onde fixeron fincapé no libro Introdución a ASP.NET SignalR. Deste xeito, informa Krasis Press, “en poucas horas iniciáronse as descargas da versión en inglés da obra nos cinco continentes en lugares tan dispares como Belice, Australia, Congo ou Madagascar”. Amais do aval de Fowler e Edwards, cómpre engadir outro detalle que contribuíu ao éxito da publicación: a súa calidade. Así nolo explica José Manuel Alarcón, editor de Krasis Press: “Cheo de explicacións intelixentes e claras, este libro sobre SignalR, o primeiro publicado no mundo tanto en inglés como en español, é algo que sen dúbida debemos ter a man para crear aplicacións fóra do común”, sinala. Como dixemos, o libro foi escrito polo español José María Aguilar, quen describe nel as principais características desta biblioteca e os diferentes niveis de abstracción que ofrece sobre os protocolos subxacentes. Tamén inclúe exemplos (descargábeis de balde) que axudan aos desenvolvedores a entender os seus alicerces e coñecer o emprego básico deste framework en proxectos. Asemade, avalía a independencia de SignalR dos contornos web, o que fai posíbel que poida ser acubillado en calquera tipo de aplicación, e que os servizos en tempo real se consuman dende todo tipo de sistema.

PUBLICIDADE