A galega Imatia, entre os 100 finalistas da edición europea dos Premios Red Herring

luns, 23 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

A empresa galega Imatia vén de ser seleccionada para a edición europea dun certame de gran prestixio a nivel internacional no ámbito da innovación tecnolóxica: os premios Rede Herring, prestixioso certame que dá acubillo ás iniciativas privadas máis prometedoras do ano, neste caso de Europa. Segundo nos informa Imatia dende Vigo, a empresa galega foi escolmada para formar parte dunha listaxe de cen finalistas.
Esta listaxe, engade Imatia, elabórase segundo a criterios do máis esixente, atendendo a parámetros como os resultados financeiros de cada organización, o grao de innovación tecnolóxica, a calidade da xestión, a execución da estratexia ou o nivel de integración da empresa en cadanseu sector. “Esta análise do potencial dos candidatos”, sinálase, “compleméntase cunha revisión da súa posición actual e da súa traxectoria, o que permite ver alén do simple ruído mediático”. Polo tanto, con esta cuestión soluciónanse as posíbeis intermitencias ou informacións erróneas e chégase a unha meirande obxectividade no xuízo e valoración. Así, a listaxe convértese nun instrumento de gran valor que nos pode servir para descubrir e apoiar as mellores oportunidades de negocio, informa Imatia.
Os finalistas da edición europea dos devanditos galardóns elíxense en base á súa innovación tecnolóxica, fortaleza de xestión, cota de mercado, carteira de clientes e saúde financeira. A longo dos meses previos á resolución da listaxe, centos de empresas do sector TIC e as súas moitas manifestacións (software, consultoría, seguridade, 2.0, telecomunicacións, etc), achegan as súas solicitudes para optar ao galardón. Os finalistas terán a oportunidade de presentar as súas estratexias no foro Rede Herring Europa que se celebra en Amsterdam entre o 23 e o 25 de abril. Alí estará presente Fernando Vázquez, director executivo de Imatia. Os gañadores daranse a coñecer este mércores 25 de abril, nunha cerimonia de entrega de premios.

PUBLICIDADE