A galega Imatia, entre as empresas máis innovadoras de Europa

xoves, 3 de maio do 2012 Raquel Noya

Fernando Vázquez no acto de entrega das distincións en Ámsterdam

A spin-off da Universidade de Vigo, Imatia, fundada no 2005 para cubrir as necesidades tecnolóxicas que presentaban por aquel entón as empresas do país, non deixou este tempo de apostar pola innovación en todo momento, unha cualidade entre outras moitas que a levaron a figurar no TOP 100 das empresas tecnolóxicas europeas máis innovadoras, xunto con outras seis firmas españolas.
Esta listaxe, elaborada dende hai 16 anos pola prestixiosa editorial Red Herring, tivo nesta edición “unha competencia máis forte ca nunca”, segundo apuntou o responsable da rede, Alex Vieux, polo que o logro de Imatia ten, se cabe, máis mérito do que lle poderíamos dar nun primeiro momento.
En palabras do responsable do TOP, “Imatia Innovation reflicte a visión, o empuxe e a innovación que definen un proxecto empresarial con éxito”, características que a fixeron meritoria de aparecer nesta lista de referencia mundial na que, ademais da innovación, valóranse as iniciativas con máis carácter emprendedor e desenvolvemento de futuro.
Algunhas das máis importantes firmas tecnolóxicas do mundo como Facebook, Skype, YouTube ou eBay, entre outras, xa formaron parte desta listaxe en edicións anteriores, o que supón un exemplo máis da importancia do logro acadado por Imatia.
En total, segundo podemos ler no DUVI, “para a edición de 2012 presentáronse 2000 compañías, das que foron seleccionadas 200. Estas finalistas participaron nun encontro a pasada semana en Amsterdam, do que saíron as elixidas que conforman o TOP 100” .
Esta listaxe de referencia avalía cada un dos 2000 candidatos segundo criterios cuantitativos e cualitativos, atendendo tanto aos resultados financeiros como á innovación tecnolóxica, a calidade da xestión, a estratexia ou a penetración no mercado.
Estas e outras características, así como a traxectoria da empresa e o seu posicionamento en relación ás competidoras, foron as características que levaron a Imatia a figurar no Top deste ano por méritos propios.

Imatia Innovation na final do TOP 100 de Estados Unidos
A todo isto hai que engadirlle que Imatia tamén foi seleccionada para participar durante este mes de maio na fase final do TOP 100 dos Estados Unidos, que terá lugar en Los Ángeles e onde, malia tratarse da edición americana, a galega acudirá como convidada xunto con outras 14 empresas europeas.
De alí, o director xeral de Imatia, Fernando Vázquez, pretende volver “cunha chea de experiencias, contactos e consellos”, como tamén trouxo de Amsterdam, onde o animaron a “seguir crecendo e expandíndose”.
Da capital holandesa tamén trouxeron xa varias alianzas tanto con outras empresas como con entidades de capital risco, e a intención de Vázquez é facer o propio nos Estados Unidos, onde ten pensado “abrir mercados e procurar parceiros entre as empresas con máis futuro do país”.



PUBLICIDADE