A galega Imatia desenvolve un sistema para o intercambio de datos dixitais entre os concellos galegos

luns, 4 de agosto do 2008 Raquel Noya

A empresa viguesa Imatia, vén de desenvolver un mecanismo para o intercambio de procedementos dixitalizados entre administracións, de xeito que os sistemas informatizados, creados e implementados por uns, poidan ser empregados por outros.
Este proxecto, que se coñece como CI+DADANS permite que se compartan tanto o código e a definición dos fluxos como a definición completa dos procedementos (trámites, definición e asignación de responsables, datos, formularios, documentos...).
A Consellaría de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de I+D+i concedeulle a Imatia unha axuda de 35.100 euros para o desenvolvemento do proxecto entre 2007 e 2009, no marco do Programa de Sociedade da Información do Plan Galego de I+D+i 2006-2010 (INCITE).
Os principais destinatarios do proxecto CI+DADANS son os concellos galegos, interesados en aforrar custos e esforzos na implementación dos procedementos administrativos. O que propón Imatia é un mecanismo sinxelo para incorporar procedementos xa definidos e desenvolvidos informaticamente noutras entidades. O proceso para que as administracións compartan estas ferramentas é, segundo os responsables do proxecto, “complexo” por teren que pór en común os elementos de diferentes sistemas de traballo, baseados en tecnoloxías e en estruturas organizativas diversas.
Asemade, o sistema que desenvolve Imatia debe seguir criterios uniformes para a nomenclatura dos elementos que comparten as diferentes administracións, de xeito que as partes comúns sexan identificables. Dende a empresa sinalan tamén a necesidade de que o sistema teña capacidade multiidioma, o que engade complexidade ao traballo.
O proxecto estrutúrase en dúas fases conforme a dous obxectivos: analizar que procedementos se poden compartir e chegar á tecnoloxía para facelo. A primeira parte está dirixida a identificar, seleccionar e modelar un conxunto de procedementos que poidan ser compartidos. A segunda fase da investigación, de carácter técnico, tratará de definir formatos estandarizados.


Probas nunha rede de concellos

Para probar o funcionamento do sistema, Imatia aproveitará a súa experiencia noutros proxectos. Na actualidade, está a implantar un produto para a xestión de expedientes municipais nunha rede de sete concellos que constituirá unha plataforma para levar a cabo unha experiencia piloto de validación dos resultados obtidos en CI+DADANS.
Se estas probas amosan que o mecanismo de intercambio de procedementos resulta viable técnica e economicamente, e o ámbito de aplicabilidade do mesmo é suficientemente amplo, Imatia fará públicos os formatos, a documentación e o código fonte mediante unha licenza de código aberto. En base aos resultados, a empresa desenvolverá ademais un prototipo comercial para incorporalo ao seu produto CIVIDAS de xestión de expedientes para administracións públicas.

PUBLICIDADE