A galega FOGA lánzase ao mercado estatal cunha innovadora tenda en liña de produtos tecnolóxicos

mércores, 20 de marzo do 2013 Redacción

Hai uns meses, a compañía galega FOGA lanzaba a súa plataforma de comercio electrónico de produtos tecnolóxicos. Baixo o nome de FOGA-Online, a empresa santiaguesa preséntase no mercado de Internet como algo máis que unha simple tenda de hardware e software, pois leva á Rede a filosofía de Solucións Integrais da Comunicación que, informan fontes da firma, “caracteriza a súa empresa matriz”. Desta maneira, poderíamos dicir que, se ben o obxectivo primario de fogaonline.es é o de ofrecer equipamento tecnolóxico “a empresas e profesionais liberais que demandan produtos de calidade contrastada e unha atención post-venda eficaz e profesional”, existen tamén outros obxectivos máis ambiciosos que diferencian esta plataforma no masificado, e ás veces caótico, mercado de Internet.
Ademais de superar as limitacións espaciais que sempre impón un emprazamento físico para a venda de equipamentos, neste caso o da Vía Pasteur do compostelán Polígono do Tambre, esta web ofrece solucións máis amplas, relacionadas coas áreas da Reprografía, Informática e Redes, Dixitalización, Xestión documental e Comunicación e Marketing. Desta maneira FOGA-Online non se limita a facilitar a compra por internet dos mellores produtos dos principais partners da compañía matriz (Konica Minolta, Samsung ou Fujitsu), se non que permite que, desde calquera lugar do mundo, os profesionais máis esixentes poidan obter información sobre os servizos que FOGA pode ofrecerlles.
A diferenza das webs de venda en liña tradicionais, onde os clientes só teñen a opción de ir engadindo produtos ao seu carro da compra, FOGA-Online permite aos seus usuarios comunicarse cos consultores de FOGA para ampliar información sobre os servizos que ofrece a compañía, como por exemplo os mantementos de equipamentos de impresión ou os packs de dixitalización.
Esta interactividade que singulariza a FOGA-Online é o reflexo na Rede do espírito de empresa de servizos que a caracteriza. Un usuario rexistrado pode, por exemplo, demandar solucións a medida, indicando que equipamento necesita e de que presuposto dispón, podendo incluso crear un plan de aforro en impresión personalizado.
Outra das características da plataforma que nos ocupa é o seu fácil manexo. Norman Benzoni, o responsable da plataforma, explícanos que “a web foi deseñada para facer o máis doados posíbeis os seus procesos de información, selección e compra; achegamos unha navegación fácil e intuitiva, que permitirá aos seus usuarios atopar de contado os produtos e servizos máis axeitados ás súas necesidades”.
Como complemento a esta simplicidade, fogaonline.es achega un buscador avanzado para axilizar e facer máis eficaces as nosas pescudas, permitíndonos “localizar produtos con total comodidade e realizar procuras por marca, modelo ou referencia”. Ademais, e para satisfacer as demandas de información dos máis esixentes, a web facilita os datos máis relevantes sobre as características dos seus produtos, tanto en fichas técnicas como en catálogos orixinais.
Finalmente, tamén cómpre salientar como outro dos factores diferenciais de FOGA-Online o compromiso de ofrecer alternativas de “gasto mínimo”, cunha interesante sección de Oportunidades onde podemos atopar os mellores prezos en España de produtos que contan con total garantía post-venda. Ademais de deslocalizar os procesos de compra, FOGA-Online ofrécenos a posibilidade de realizar as nosas xestións sen ataduras horarias e durante as 24 horas do día, facilitando a comunicación cos seus responsables a través das máis diversas canles, como son o correo electrónico, o chat ou as principais redes sociais (Twitter, Facebook, etc). Segundo conclúen os responsábeis da firme, “FOGA-Online diríxese a estender os valores de FOGA na Web: puntualidade, solvencia e eficacia”.

PUBLICIDADE