A galega Femxa xestionará a Universidade Online de Prosegur en Perú

luns, 28 de abril do 2014 Fernando Sarasketa

Patricia García, presidenta institucional do Grupo Femxa

A empresa galega Grupo Femxa ten novos partes informativos sobre a actividade de seu, logo de dar a coñecer a nova da contratación de 200 mozas e mozos para reforzar o seu papel de empresa referente a nivel estatal no eido da formación laboral baseada en novos recursos e tecnoloxías. Porén, a nova información ten relación con outro xeito de medrar: a busca de novos mercados e escenarios. Segundo informa a firma galega, vén de pechar varios acordos internacionais importantes, entre os que se conta un asinado coa multinacional Prosegur. En virtude deste pacto, Femxa xestionará a Universidade Online de Prosegur en Perú, “que permitirá a milleiros de persoas adquirir os coñecementos precisos para o seu traballo, sen ter que desprazarse”.
Segundo engade Patricia García, presidenta da compañía galega especializada en formación para o emprego e novas tecnoloxías, “o e-learning, amais de ser a base deste novo acordo de Femxa, é sen lugar a dúbidas a formación do futuro, debido á súa gran flexibilidade”. Ao seu xuízo, esta modalidade de formación baseada no uso das novas tecnoloxías está a revolucionar a nosa forma de aprender, e máis tendo en conta a bagaxe formativa TIC que temos detrás: somos lectores e usuarios habituais da información que nos chega polas redes. Tendo en conta este feito e estes alicerces, sinala Patricia, “en Femxa estanse a crear plataformas en liña que ofrecen unha formación regulada, estruturada e profesionalizada”.
Hoxe en día, Grupo Femxa xa formou a máis de 350.000 alumnos en varios países. “Nos últimos anos fixemos un importante esforzo por chegar a Latinoamérica e aos países emerxentes do leste de Europa”, explica Patricia García á hora de situar este acordo con Prosegur en Perú, unha alianza que vai permitir a 12.000 alumnos “a obtención dunha aprendizaxe especificamente deseñada para eles”. Na actualidade, Prosegur ten presenza en Asia (China, India e Singapura); en Europa (Alemaña, España, Francia, Luxemburgo e Portugal); en Oceanía (Australia) e en Latinoamérica (Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, México, Paraguai, Perú e Uruguai).

PUBLICIDADE