A galega Elogia Media elaborará os anuncios en Rede de Junkers

martes, 19 de febreiro do 2008 Fernando Sarasketa

A axencia galega de publicidade en liña Elogia Media (antes GaliciaBanner) vén de ser elixida para o deseño e posta en marcha das iniciativas de promoción na Rede da marca Junkers, pertencente ao grupo Robert Bosch. Segundo informa a empresa con sede en Vigo, o traballo a desenvolver abranguerá as campañas que Junkers (firma especializada en sistemas de calefacción e auga quente) poña en marcha este ano en España.
Sinalar que Elogia foi elixida nun concurso convocado pola outra empresa como a máis axeitada para darlle feitura e promoción na Internet ós seus reclamos, servizos e produtos. Á hora de seleccionala, Junkers valorou a súa experiencia acumulada e o seu bo servizo. Na imaxe, Rubén López, director xeral da firma galega.
Engadir que a firma Elogia Media, da que falamos polo miúdo con motivo da posta en longo do seu novo nome, leva dende 2000 a traballar en medios interactivos na procura de novos xeitos de comunicación entre as empresas e os seus produtos (por unha banda) e os clientes potenciais (pola outra).
Junkers: 100 anos no mercado
A marca Junkers, da multinacional Robert Bosch España, S.A., leva máis de 100 anos dedicada a ofrecer solucións intelixentes para o confort persoal. Desenvolve, fabrica e distribúe sistemas de calefacción, auga quente e sistemas solares de primeira calidade e tecnoloxía punta. Nos últimos años destaca, ademais, pola súa aposta polas enerxías renovables e polos produtos compatibles co medio natural.

PUBLICIDADE