A galega Edigal recibe un premio pola calidade no deseño do seus equipamentos tecnolóxicos urbanos

mércores, 23 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

A empresa de Pontevedra Edigal, especializada na instalación de equipamentos tecnolóxicos para a comunicación en cidades, vén de ser recoñecida co primeiro Premio Larus Arquitecturas 2011 na categoría de deseño de infraestruturas urbanas (oficialmente categoría peza-producida - mobles urbanos). Máis polo miúdo, o galardón (promovido polo xornal portugués Arquitecturas) diríxese a recoñecer nos ámbitos español e luso o nivel de utilidade e deseño da serie Teucro de centros de mandos de alumeado público de Edigal.
Estes mandos, que xa están a ser empregados en ducias de cidades e vilas galegas e estatais (incluíndo Tomiño, Muros, Vigo, Lugo, A Coruña, Gasteiz, Sant Joan Despí, Salamanca ou Puertollano), substitúen os tradicionais equipamentos para o control das luces e outros servizos públicos poñendo en xogo o que Edigal cualifica de “clara aposta pola humanización da cidade”. Entre as utilidades da nova infraestrutura figura o de dar acubillo a accesos Wi-Fi a Internet ou ao subministro de publicidade dixital.
Con estes equipos, sinala Edigal, “deixamos atrás uns cadros convencionais escasamente adaptables en contornos urbanos e moi susceptibles de deterioro ambiental”. Amais do devandito, as estruturas que pon en xogo a empresa de Pontevedra poden dar acubillo a servizos de recarga de vehículos eléctricos, estacións de control atmosférico e contaminación ambiental e sistemas de xestión a distancia e aforro enerxético.
Un dos grandes obxectivos dos seus desenvolvedores foi a de lograr meirandes e mellores equilibrios entre a tecnoloxía e a estética, tratando en todo intre de reducir o impacto visual. A maiores, os equipos están fabricados ao 100% na nosa terra e facendo emprego integral de materias primas reciclables. “Con esta aposta conxunta dos concellos e da nosa empresa”, sinalan, “consolídase a idea de que a innovación é o vieiro a seguir para que as compañías poidan ir superando os tempos de crise e amosar ademais a alta cualificación do tecido produtivo de Galicia”.

PUBLICIDADE