A galega Construdata21 pon en marcha un portal que optimiza e simplifica as reformas do fogar

xoves, 10 de outubro do 2013 Redacción

Esta semana púxose en marcha, para o ámbito español, un portal encamiñado a facilitar o camiño dunha reforma no fogar, un camiño en ocasións cheo de atrancos, adiamentos e, sobre todo, de constantes incrementos dos orzamentos de partida. Trátase do servizo Tu-obra.com, unha ferramenta que, entre outras cousas, pon en contacto aos profesionais do sector da construción e aos particulares interesados en levar a cabo unha nova construción ou reforma. O portal, sinalan os seus creadores (os integrantes da empresa galega Construdata21), permite a calquera usuario recibir orzamentos ou solicitar información ás máis de 2.250 empresas españolas que xa están presentes no sitio en cuestión e comparar ofertas.
Para tirar partido deste servizo, teremos que encher unha enquisa e publicar logo as nosas consultas na web, consultas sobre todo tipo de traballos -procuras de arquitectos, provedores ou construtoras, elaboración de planos, compra de materiais. As empresas poranse en contacto co particular por teléfono, correo electrónico ou a través dun formulario anónimo que permite protexer a privacidade dos interesados. “Este sistema”, informan os responsábeis do seu desenvolvemento, “ofrece múltiples vantaxes para os usuarios, xa que poden acceder desde unha mesma web e sen necesidade de consultar múltiples páxinas, a unha gran variedade de ofertas e prezos, de forma áxil e sinxela, polo que estamos ante unha importante posibilidade de aforro de tempo e de exercer meirande control sobre os prazos de entrega e os custos”.
O portal é unha iniciativa da empresa galega Construdata21, do Grupo Netaccede, e que xestiona baixo o seu mesmo nome, un dos portais de uso máis estendido a nivel estatal entre os profesionais do sector da construción, construdata21.com, unha web da que temos falado en Código Cero en múltiples ocasións, en parte polo seu importante volume de obras publicadas e tamén polas cifras acadadas de empresas que tiran partido do servizo en mercados concretos.

PUBLICIDADE