A galega Beatriz Mato incorporase ao Consello de Administración de Euskaltel

martes, 25 de agosto do 2020 S. P.

O Consello de Administración do Grupo Euskaltel, do que forma parte a empresa de ámbito galego R, propuxo por unanimidade o nomeamento de Ana García Fau e Beatriz Mato como novas conselleiras independentes do Órgano de Goberno da compañía. Con esta proposta, o Grupo Euskaltel busca, nas súas palabras, “adoptar os modelos máis avanzados na adecuación das normas de Bo Goberno Corporativo, pola composición paritaria - 40% de mulleres - e de conselleiros independentes no seu Consello de Administración”. Beatriz Mato, como recordaremos, foi conselleira de Traballo e de Medio Ambiente nos anteriores gobernos de Alberto Núñez Feijóo.
Segundo explican fontes de Euskaltel, Fau e Mato foron elixidas “como as candidatas idóneas para ocupar o cargo de conselleiras da compañía, tras un proceso de selección liderado pola comisión de nomeamentos da empresa, que presentou a proposta ao Consello de Administración, onde recibiu o apoio de todos os seus membros”. A decisión baseouse “no perfil profesional das candidatas” e na “súa dilatada experiencia e coñecementos no sector das telecomunicacións tanto a nivel local, como nacional e internacional”.
Con estes nomeamentos, o grupo vasco quere dar nas mellores condicións o seu vindeiro paso empresarial, unha estratexia que pasa “por fortalecer o arraigamento das súas marcas tradicionais nos seus mercados naturais”, e por “abrirse ao mercado nacional en plena expansión, reforzando o liderado da compañía na transición dixital”.

Ana García Fau

Ana García Fau é licenciada en Dereito e Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade Pontificia Comillas, ICADE (E-3, especialidade financeira). Ten un Mestrado en Administración de Empresas polo MIT Sloan School Of Management de Massachusetts. Ademais, é membro, entre outras organizacións, do consello asesor de DLA Piper Global & DLA Piper International, LLP, Salesforce.com Iberia/EMEA e de fundacións e asociacións como International Women Forum Spain.
Conta cunha ampla experiencia no sector das telecomunicacións, ocupando diferentes postos de responsabilidade no Grupo Telefónica e Yell-Hibu, onde desempeñou responsabilidades executivas.
Beatriz Mato Otero, nacida en Barakaldo (Bizkaia) en 1965, é enxeñeira industrial, especialidade Organización Empresarial, pola Escola Superior de Enxeñeiros Industriais de Bilbao, e Mestrado MBA de Dirección e Administración de Empresas, pola Escola de Negocios da Universidade da Coruña. Ademais, ten o Certificado de Bo Goberno de Sociedades polo Instituto de Conselleiros-Administradores, e é membro da Asociación Española de Conselleiras.
Beatriz Mato conta con 30 anos de experiencia profesional na empresa privada e pública, liderando proxectos empresariais no sector tecnolóxico e de consultoría en pemes e multinacionais e tamén desenvolveu a súa carreira na xestión pública como Conselleira do Goberno autonómico de Galicia.

PUBLICIDADE