A galega Ayco presenta en MOVE o seu sistema de xeolocalización de persoas en tempo real

luns, 15 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

Vodafone vén de elixir á empresa tecnolóxica Ayco, con sede en Vigo, como representante do sector TIC da nosa terra na feira MOVE 2010 que comeza este martes 16 de novembro en Madrid. Segundo informa a dita firma galega, o privilexio de participar nesta xuntanza é dupla: por unha banda terá ocasión de establecer contactos cos máis de 3.000 empresarios e profesionais que está previsto se dean cita no evento, e pola outra poderá estreitar ligazóns co selecto grupo de partners elixidos por Vodafone para presentar as súas últimas novidades no eido das telecomunicacións.
No caso concreto de Ayco, sinalar que fará públicas dúas innovadoras aplicacións. A primeira delas é BDLocaliza, un sistema de xeolocalización de persoas en tempo real deseñado para o novo Samsung Galaxy Tab, tablet desenvolvido pola firma surcoreana para competir co iPad de Apple.
BDLocaliza, desenvolvido integramente por Ayco nas súas oficinas de Vigo, é segundo informa a empresa galega a primeira aplicación das súas características deseñada para o sistema operativo Android 2.2 do novo Samsung Galaxy Tab.
A aplicación desenvolvida por Ayco tira proveito da tecnoloxía GPS do novo tablet de Samsung para achegar servizos de xeolocalización en tempo real de persoas, “algo que xa amosou a súa eficacia á hora de optimizar procesos e xestionar de maneira eficiente os recursos dunha organización”, indican os responsables de Ayco.
Polo que atinxe á segunda gran novidade que Ayco presentará en MOVE 2010, dicir que se trata do sistema CHECK POINT de control de actividade e de presenza. Esta aplicación permite a calquera organización dispor, de maneira inmediata, de información sobre a situación e a duración da actividade realizada polos usuarios que se atopan fóra do centro laboral. “Mediante un cartón de uso persoal e a tecnoloxía BLACK PEN (un bolígrafo capaz de transformar o escrito en datos e de envialos automaticamente ao sistema informático de calquera organización), o usuario de Check Point transmite en tempo real ao seu centro de traballo información sobre a súa situación e sobre a hora de inicio e de fin da súa actividade”, informa Ayco. Con gran potencial para o eido da vixilancia, Check Point pode minimizar o tempo de reacción perante unha emerxencia. De feito, é posible controlar con ela as roldas feitas por axentes de seguridade e activar a alarma que se xera cunha tardanza no seu paso polos puntos de control.

PUBLICIDADE