A galega Altia cumpre cos seus prognósticos logo dun ano no Mercado Alternativo Bursátil

luns, 28 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

Logo dun ano cotizando en Bolsa, a empresa galega Altia vén de facer reconto dos froitos acadados ao longo deste período. Segundo se fai saber neste informe sobre a actividade da firma galega no Mercado Alternativo Bursátil (MaB), entre outras cuestións a avaliar, cumpríronse coas previsións da compañía. A empresa galega, especializada en consultoría TIC e desenvolvemento informático, obtivo uns ingresos no primeiro semestre de 2011 que confirman a tendencia á suba amosada xa dende hai tempo, cunha taxa de incremento do 16% con respecto á facturación obtida nese mesmo período o ano anterior, facturación que xa de por si achegaba cifras positivas.
Segundo fai saber no comunicado o presidente da empresa, Constantino Fernández, a fórmula do éxito radica en boa medida na captación de recursos, na mellora da imaxe de marca e nunha meirande notoriedade da firma a tódolos niveis de mercado. Para Fernández, estar presente no devandito Mercado Bursátil “axuda a transmitir unha mensaxe dupla, de seriedade e de ambición, para o desenvolvemento de novos proxectos e competir fronte aos grandes xogadores do sector TIC e dos restantes”.
Altia, que este 1 de decembro cumprirá un ano no MaB, foi a primeira compañía galega en acceder este mercado. A compañía galega, con sede principal en Santiago, partiu para a súa andaina bursátil duns resultados inmellorábeis. De feito, as contas do exercicio 2010 reflectiron un beneficio neto de 1,68 millóns de euros, o que supuxo un medre dun 14,8% respecto a 2009. Os resultados de 2011 reafirman esta boa evolución, cun incremento do 16%. Alén dos números, entre os logros máis importantes da empresa ao longo deses meses recentes cóntanse os seguintes: a adquisición a Vodafone do centro de datos de Vigo (valorado en 2,6 millóns de euros) e máis o reparto de dividendos que converteu á empresa galega na primeira firma do MaB en premiar aos seus accionistas. “Esta decisión”, sinálase dende Altia, “foi acordada na xunta de accionistas do 19 de maio e unha semana despois foi abonado o dividendo, por un importe total de 481.472,95 euros, un 28,56% do beneficio neto obtido en 2010”.
Polo que atinxe a accións e proxectos vindeiros, engadir que ao longo deste primeiro ano do MaB asentáronse os alicerces para un bo número de proxectos, cuxo desenvolvemento, sinala Altia, abrangue os próximos seis anos e cun importe de 100 millóns de euros. O ano 2011, para entendérmonos, foi o mellor ano da historia en materia de novos encargos.

PUBLICIDADE