A folla de ruta da Formación Profesional galega porá o foco na capacitación dixital

martes, 11 de xullo do 2023 S. P.

A Consellería de Cultura e Educación lanzou o que sería o primeiro Plan de Capacitación do Profesorado de FP e Réxime Especial, a folla de ruta formatva específica para estes ámbitos que ten como principal obxectivo “dotar aos docentes das ferramentas necesarias para afrontar os novos retos educativos vinculados ás demandas dos sectores produtivos”, retos que son en boa medida tecnolóxicos, tal e como constatou o conselleiro Román Rodríguez na presentación do plan celebrada este martes 11 de xullo no Centro Galego de Innovación da FP Eduardo Barreiros, en Ourense.
A través deste plan, que supón un investimento global de 1,8M€, ofértanse preto de 11.300 prazas formativas e inclúense unhas 750 actividades entre xornadas, congresos e convocatorias varias, todas elas enfocadas a “garantir a mellor formación didáctica, en competencias lingüísticas, en dixitalización e en distintas áreas de especialización”, matizou Román Rodríguez.
Seis liñas de actuación
O plan contempla seis liñas de actuación específicas que abraguen as áreas lingüística, de dixitalización, de innovación, de formación adaptada aos cursos de especialización, de acreditación de competencias e de formación en alta especialización.
No ámbito das competencias lingüísticas profesionais, incorpora formación en técnicas innovadoras de ensino de idiomas para un proceso de aprendizaxe máis interactivo, dinámico e efectivo. Así mesmo, incorpora o uso de ferramentas tecnolóxicas como aplicacións móbiles, plataformas en liña, software de aprendizaxe de idiomas e recurso multimedia.
Na liña da dixitalización aplicada aos sectores produtivos, tamén se vincula coa integración de tecnoloxías dixitais segundo as familias profesionais, solucións dixitais para a mellora da eficiencia, a produtividade e a calidade nas diferentes áreas de traballo e a transformación de actividades laborais enfocadas a novas oportunidades e desafíos en cada ámbito profesional.
A liña de innovación tecnolóxica, científica e didáctica está enfocada á adquisición de habilidades tecnolóxicas imprescindíbeis, a aplicación de ferramentas, recurso e metodoloxías tecnolóxicas na aula, transmisión ao alumnado de avances científicos e últimas investigacións e estratexias e enfoques didácticos innovadores que fomenten a aprendizaxe activa, significativa e práctica.
A cuarta das liñas é a de formación adaptada aos cursos de especialización, que inclúe uso de ferramenta, equipamento e software especializado no ámbito laboral e actualización nas técnicas e nas prácticas máis recentes no eido profesional.
Tamén hai unha liña de Acreditación de Competencias Profesionais, con actividades formativas dirixidas a persoal experto non docente. As propostas neste eido inclúen accións para o desenvolvemento das funcións de asesoramento e das funcións de avaliación.
Finalmente, hai unha liña específica de formación en alta especialización, que inclúe o deseño e implementación de actuacións formativas para dar resposta ás demandas e necesidades dos sectores produtivos e á actualización do profesorado.
Neste eido abordaranse os novos retos tecnolóxicos, a formación de profesionais altamente cualificados ou os requisitos para os novos mercados. Para iso terase en conta a formación especializada no uso de tecnoloxías vinculadas aos procesos produtivos, no marco da Axenda de Competitividade Galicia Industria 4.0.

PUBLICIDADE