A firma galega Inova pon en marcha unha editorial especializada en innovación

mércores, 16 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

A consultora tecnolóxica galega Inova, da que falamos os días pasados para informar das súas vindeiras actividades de divulgación, vén de anunciar a posta en marcha dun novo servizo editorial especializado na achega de libros sobre metodoloxías para optimizar, pola vía da innovación e o dixital, o rendemento dunha empresa. O novo selo Innovation Books (así se fai chamar), centrarase en pór no mercado obras especializadas na dita temática, escritas en castelán (aínda que agardamos que aposten tamén polo galego) e previamente recoñecidas no eido internacional polos seus valores e utilidade. A editorial, que foi presentada esta mañá no transcurso dunha xornada sobre I+D convocada en Compostela por APD (na imaxe), xorde co obxectivo de “fomentar a cultura innovadora e compartir o coñecemento relacionado coa investigación e o desenvolvemento”.
A primeira achega da colección será o seguinte: TRIZ simplificado, nuevas aplicaciones de resolución práctica de problemas para ingeniería y fabricación, de Ellen Domb, en palabras de Inova “unha das maiores expertas do mundo na cuestión TRIZ”, estratexia de inventiva para obter a máxima rendibilidade e aforro nunha empresa.
Sinalar que grazas a esta metodoloxía, multinacionais de primeira liña acadaron importantes índices de medre, como por exemplo Nestlé (que logrou un aceleramento da produción de chocolate e a un menor custe) e BMW (que reduciu as pezas dos seus motores para chegar a unha potencia meirande). Segundo informa Inova, a previsión é editar nun primeiro intre 500 exemplares de TRIZ simplificado, que se porán á venda dende a biblioteca virtual de Andavira a un prezo de 28 euros. Máis tarde, a empresa galega pensa distribuílo tamén nas librarías Díaz de Santos e comercializalo en formato dixital, como e-book. Por certo que a autora do devandito libro, presidenta de The PQR Group (especializada en asesoramento tecnolóxico para as organizacións) impartirá os vindeiros 16 e 17 de xuño un relatorio sobre TRIZ. A cita será en Vigo, concretamente no seu Club Financeiro.

PUBLICIDADE