A firma compostelá Strelia Electrotecnia, Premio Manuel Beiras

luns, 16 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

Noa Díaz e Xavier Freire en rolda de prensaFinalmente o palmarés da edición número 20 dos Premios Manuel Beiras, convocados polo Concello e a Cámara de Comercio de Santiago para salientar o compromiso comunicativo co galego das empresas locais (tanto offline como nas redes), tivo un marcado cariz tecnolóxico. De feito, a empresa do sector das telecomunicacións Strelia Electrotecnia impúxose como gañadora na categoría de uso continuado do galego. Tamén se proclamaron gañadoras no certame a sala de cinema Numax e a Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos.
Os datos foron dados a coñecer pola concelleira de Políticas Lingüísticas, Noa Díaz, e o vogal do pleno da Cámara de Comercio. Os galardóns entréganse hoxe ás 20.00 horas no Teatro Principal, nun acto presidido polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e o presidente da entidade cameral, José Sierra.
Strelia Electrotecnia foi a empresa gañadora na categoría de uso continuado do galego. O xurado premiouna por “empregar o galego nun sector empresarial innovador e dinámico como é o da electrónica de telecomunicacións e industrial, no que desenvolve solucións de electrónica profesional en campos como as telecomunicacións, a oceanografía, as ciencias da terra, o control industrial e a eficiencia enerxética”. Valorou especialmente que, “tendo en conta que gran parte da súa clientela se sitúa fóra das nosas fronteiras”, a súa escolla lingüística demostra que “o galego serve para comunicarse, mais tamén para transmitir valores como o de calidade, compromiso, seriedade e respecto pola diversidade natural, social e cultural”.
Strelia centra parte dos seus proxectos en eidos como os sistemas marítimos de comunicación, os humidímetros, os sequeiros dixitais, o alumeado, a agricultura intelixente ou o desenvolvemento de sistemas innovadores de xestión de recursos marisqueiros e pesqueiros (por exemplo a fabricación de prototipos e módulos electrónicos de control e telemetría para sistemas náuticos ou agrícolas).
Na modalidade de nova incorporación, o galardón recaeu en Numax Sociedade Cooperativa, por “incorporar a lingua a un proxecto empresarial que tiña tanto de arriscado como de atractivo e innovador”. Para o xurado, Numax representa "un lugar onde o galego comparte protagonismo coas historias que alí suceden".
Finalmente, a distinción especial foi para a Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, porque “ao longo dos seus 98 anos de historia, diferentes xeracións de compostelás e composteláns tiveron a oportunidade de se formaren no coñecemento do folclore galego, polo que tamén se converteron en coñecedoras e transmisoras do importante legado lingüístico que este atesoura”.

PUBLICIDADE