A firma FirstV1sion achega tecnoloxía para poñernos nos ollos dos deportistas

martes, 4 de agosto do 2015 Redacción

A nova firma de raizame española FirstV1sion, acelerada a través da iniciativa Telefónica Open Future, ten entre mans unha tecnoloxía que fai posíbel, en todo o senso da expresión, poñermos como espectadores de acontecementos deportivos nos ollos das e dos deportistas. A súa experiencia, precisamente, valeulle para ser a encargada de retransmitir en primicia (a través da canle Teledeporte) imaxes dos participantes no Campionato de España de Atletismo (Castelló, esta fin de semana). Non serán unhas imaxes calquera, senón que adoptarán, como dixemos, o punto de vista dos competidores. Veremos, polo tanto, o que elas e eles ven.
Isto será unha realidade grazas a unha tecnoloxía que capta e transmite a contorna que rodea ao deportista e que xunta unha cámara de alta definición instalada na roupa dos participantes cun sistema de transmisión RF profesional.
A concorrencia de FistsV1sion e a súa tecnoloxía no devandito Campionato veu dada por un acordo acadado coa Federación Española de Atletismo, “sendo a primeira vez na historia deste deporte que os espectadores poderán gozar dun punto de vista tan revolucionario”, informa Telefónica dende a súa palestra empresarial Telefónica Open Future, na que se integra, por certo, o centro galego de crowdworking Galicia Open Future, arestora mergullado no impulso sa súa segunda edición.
Segundo engade a compañía, este tipo de tecnoloxías non son estritamente novas (úsanse xa en Fórmula 1 ou en MotoGP), porén, a novidade estriba en que é a primeira vez que se aplican no ámbito do atletismo. Outro dos extras da experiencia é que achega imaxes de calidade profesional, co fin de que non fique detalle sen captar da actividade deportiva. FirstV1sion inclúe características adicionais como son os sensores biométricos que completan o deseño. As imaxes captadas pola cámara de FistV1sion estarán dispoñíbeis na maioría das disciplinas do campionato: velocidade, substitucións, valos, chimpos e lanzamentos. Os primeiros atletas en probar a nova camiseta durante os adestramentos foron Eduard Viles, o velocista de Mediona e actual plusmarquista español e 9º do mundo en 4x100m, e o aragonés Alberto Gavaldá, que foi medalla de prata nos mundiais xuvenís e campión de España de 200m. Tanto Viles como Gavaldá tirarán partido da tecnoloxía no Campionato de Castelló. Para quen queira afondar un pouco máis no alcance destas experiencias, dicir que xa hai accesíbel un vídeo explicativo no YouTube.

PUBLICIDADE