A filtración da HBO inclúe moita información sensible

xoves, 3 de agosto do 2017 Marcus Fernández

A información filtrada partiu inicialmente da web Winter-leak.com, que en poucos minutos saturouse pola grande cantidade de tráfico recibido

Que varios episodios de series da HBO poidan circular pola Rede por mor dunha intrusión nos seus sistemas pode parecer algo moi grave nun momento como o actual, coa serie Game of Thrones en curso, pero o problema de seguridade da compañía parece estar a ter consecuencias moito peores do que se pensaba, e Variety está a dar conta do feito de que, xunto a varios episodios inéditos das súas series, entre os 1,5 TB de datos roubados figurarían milleiros de documentos internos da compañía.
Dende a HBO están a actuar rapidamente para evitar que as filtracións estean dispoñibles a través de Google e así poidan chegar ao grande público con facilidade, pero parece constatado o feito de que, aparte de contidos importantes (episodios das series Ballers, Insecure e Room 104 e incluso de Barry, serie que non verá a luz até 2018), resulta máis preocupante a enorme cantidade de información persoal dunha das directivas de HBO. Entre os datos filtrados habería nomes de usuario e contrasinais do correo electrónico, as redes sociais, numerosos servizos accesibles en liña (dende a súa entidade bancaria até a subscrición a algunha revista), números de tarxetas bancarias... en definitiva, que veñen de complicarlle a vida de xeito importante, pois a afectada terá serias complicacións para poder asegurar a súa economía persoal despois da filtración.
A filtración masiva que está a verse polo momento sería só un primeiro paso, xa que ameazan con continuar, existindo o temor de que poida ver a luz numerosa información sensible, xa que os responsables desta acción criminal parece que conseguiron acceso ás ferramentas de administracións interna da HBO, ao listado de traballadores e os seus enderezos de correo electrónico... polo que a posible información sensible á que tiveron acceso sería bastante.
No que á serie Game of Thrones, os intrusos conseguiron acceder aos guións dos episodios 3 e 4 da actual tempada, ou sexa, que dentro de poucos días perdería interese a filtración, aínda que os seareiros da serie deberán limitar a lectura en liña sobre a mesma se queren evitar incómodos spoilers.

O guión do vindeiro episodio de Game of Thrones é un dos contidos filtrados esta semana

PUBLICIDADE