A filosofía do inminente Firefox 4, ao descuberto en Web O´Wonder

martes, 8 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

Xa queda pouco para termos o Firefox 4 (arestora en beta) logo de máis de un ano de desenvolvemento e de (algúns) mordérmonos as unllas. Para a ocasión, que non é cousa calquera tendo en conta a cantidade de usuarios que ten no mundo, Mozilla xa está a argalllar un especie de festa de presentación, xa materializada en parte no sitio Web O´Wonder, un espazo que anuncia as diferentes funcionalidades que incluirá a nova versión. A páxina está chea de cousas interesantes, todas elas feitas e presentadas baixo a filosofía de Web Aberta de Mozilla, unha proposta que permitindo o acceso dende o Internet Explorer 9, navegador estrela da competencia, indica por onde van ir os tiros.
O alicerce da idea é outorgarlle relevancia ao usuario/navegante por enriba de todo, dándolle boa marxe de uso e compatibilidade e sen reparar na natureza do dispositivo ou programa dende o que accede. Na web hai diferentes funcionalidades futuras á vista, nalgúns casos ao alcance da man e noutros en formato vídeo. Segundo se conta en sitios como Alt1040, detrás de Web O´Wonder atópase un ambicioso plan en proceso de remate que culminaría en parte no Firefox 4, pero que tería detrás todo un ideario de supresión de atrancos de accesibilidade e usabilidade. Na web engádese que a iniciativa é unha homenaxe ás opcións da Rede como plataforma universal de desenvolvemento, comunicación e lecer. Para mostra, damos conta dalgunha das novidades ás que se dá acubillo no dito portal: Remixing reality (realidade aumentada con potenciador gráfico a través de WebGL), London project (filme de longa duración, interactivo, feito sobre a base da programación aberta en tódolos seus elementos) e HTML5 Poster (unha páxina interactiva que é unha xanela á natureza do HTML5, CSS3, JavaScript, SVG, etc).

PUBLICIDADE