A filial española de Alk confía a totalidade das súas comunicacións a Vodafone

mércores, 6 de novembro do 2013 Redacción

Alk-Abelló, filial española do grupo danés Alk, vén de confiar a totalidade das súas comunicacións móbiles á operadora Vodafone España e máis ao fabricante europeo Nokia. Lembrar que Alk é unha compañía centrada no diagnóstico e tratamento etiolóxico das doenzas alérxicas, e que está presente en varias ducias de países. Con este acordo con Vodafone España, que non é outra cousa que unha renovación de máis alcance dun acordo xa previo, Alk-Abelló recibirá da operadora comunicacións fixas, móbiles, de voz e de datos, ao que se suma a incorporación de teléfonos intelixentes Nokia Lumia 620 (o 80% do total) e Nokia C2 (o 20% restante), Para a filial española de Alk, o acordo vai permitir que os seus traballadores poidan estar comunicados en todo intre mellorando a súa produtividade en mobilidade.
E máis se temos en conta a importancia de moitas actividades que acubilla a división española: o seu equipo de I+D colabora xunto cos seus colegas na central en Dinamarca en ambiciosos programas de investigación básica nos eidos da inmunoloxía e alerxia “e por tanto precisa a sacar o máximo partido ás funcións de conectividade que ofrecen os terminais Nokia”, informa a compañía.

PUBLICIDADE