A figura de María Vinyals centrou o novo podcast de Aquí faltan páxinas

xoves, 27 de xullo do 2023 S. P.

A figura da aristócrata María Vinyals, que naceu e viviu longas temporadas no castelo de Soutomaior, foi protagonista este mércores do programa provincial Aquí faltan páxinas, un ciclo de relatos sonoros dixitais e conferencias que naceu da colaboración da Deputación de Pontevedra con O Cable Inglés, sendo o seu obxectivo “divulgar a traxectoria de mulleres galegas extraordinarias”. A deputada provincial Sandra Bastos participou na charla impartida pola escritora Isabel Blanco nos xardíns do castelo.
Vinyals, escritora, articulista, artista, conferenciante e sufraxista, naceu e viviu no castelo de Soutomaior a finais do século XIX. Foi unha das primeiras mulleres en formar parte da Real Academia Galega. Ademais de protagonizar a conferencia nos xardíns do castelo a historia da María Vinyals está tamén xa dispoñíbel no podcast Aquí faltan páxinas (nas principais plataformas de streaming de audio e no sitio web da institución provincial) e a través dun roteiro virtual que inclúe os lugares claves na biografía da protagonista, centrado no castelo, que María Vinyals herdou do seu tío no ano 1908.
A relatora Isabel Blanco baseou o seu faladoiro no seu ensaio María Vinyals. Un talento rebelde (2018). Licenciada en Dereito pola Universidade de Granada, exerce desde 1989 en Vigo como avogada especializada en dereito matrimonial e de familia, e en violencia de xénero e menores, actividade que combina coa súa paixón pola escritura e a creación. Como creadora, promoveu as mostras Rompe, xoga en igualdade (Deputación de Pontevedra, 2018); Amores que matan non son amores (2018) coa dirección artística de Irene Silva e Espazos roubados (Deputación de Pontevedra, 2021), así como o espectáculo Literarias, con Silvia Penas e Mariana Carballal.
O proxecto Aquí faltan páxinas inclúe unha antoloxía de 12 podcasts, un por mes, para pór en valor os logros de 12 grandes mulleres relacionadas coa provincia: María Soliña, Elisa Patiño, Olimpia Valencia, Maruja Mallo, Concepción Arenal, Antonina Sanjurjo, María Vinyals, Ernestina Otero, Ángeles Alvariño, Isabel Barreto, Carolina Otero e Sofía Novoa.

PUBLICIDADE