A fibra óptica de Vodafone e Orange xa se atopa en 12 cidades españolas

luns, 2 de setembro do 2013 Redacción

Xa son doce as cidades españolas que contan coa rede de fibra óptica de Vodafone e Orange, máis polo miúdo: Madrid, Barcelona, Sevilla, Málaga, Valencia, Alacante, Zaragoza, Córdoba, Valladolid, Alcorcón, Badalona e Hospitalet de Llobregat. Cómpre dicir que en cadansúa destas cidades, as compañías asignaron os proxectos a diferentes empresas, que comezaron os despregamentos das redes horizontais e a fase de obtención de permisos das comunidades de veciños. Emporiso, nos edificios onde Telefónica xa levou a cabo o seu despregamento, Vodafone e Orange daban paso ao proceso para acceder ás infraestruturas verticais, grazas ao acordo asinado con este operador, o pasado 2 de xullo. Alá onde Telefónica non realizou despregamento, Vodafone e Orange están a desenvolver o seu propio tendido de verticais.
Durante o primeiro ano do acordo, ambas as compañías prevén completar o despregamento de 800.000 unidades inmobiliarias, sendo o seu obxectivo chegar a 6 millóns de unidades inmobiliarias en máis de 50 cidades españolas nun prazo de catro anos e medio. O acordo propón que cada compañía despregue a súa propia rede FTTH en zonas complementarias, tanto o treito horizontal coma os cableados verticais precisos para o acceso aos edificios, e que ambas as compañías se faciliten o acceso mutuo e o uso das súas respectivas infraestruturas. Así mesmo, ambos os operadores negociarán de maneira conxunta acordos de acceso con calquera outro operador que dispoña de verticais nas cidades seleccionadas como as primeiras para o despregamento conxunto. Asemade, Vodafone e Orange asinaron un acordo recíproco con Telefónica que permite o acceso ás verticais despregadas polos tres operadores. Engaden dende Orange-Vodafone que recorreron os prezos de acceso ás verticais de Telefónica que fixou a CMT de xeito cautelar. Ambas as compañías consideran que se marcan uns prezos discriminatorios que incrementan de maneira artificiosa os custos e que supoñen unha vantaxe competitiva para Telefónica e un atranco á competencia efectiva no mercado comerciante polo miúdo.
Sinalar, por último, que o investimento previsto para o lanzamento e as obras de despregamento -que xa se están a desenvolver neste primeiro ano- é de 200 millóns de euros.

PUBLICIDADE