A fibra óptica de Telefónica xa está a disposición do 56% da poboación da Coruña

mércores, 5 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa


Telefónica vén de facer un novo balance do nivel de espallamento da súa fibra óptica até os fogares (tecnoloxía FTTH, Fiber To The Home) na nosa terra. Desta volta, tócalle á provincia da Coruña, onde a dita tecnoloxía da operadora xa chegaría, en palabras da compañía, ao 56% da poboación.
Este fito, como o máis recente relativo a Pontevedra, foi unha realidade grazas aos máis recentes plans de colaboración público-privada para situar a Galicia na vangarda das infraestruturas de telecomunicacións, explica Telefónica, engadindo que a devandita taxa do 56% supón un total de 444.526 vivendas e negocios con acceso á fibra da operadora e unha suba do 11% con respecto ao exercicio anterior (2018).
A compañía engade que ao longo de 2019 sumáronse 45.151 novas unidades inmobiliarias (vivendas, locais, negocios, empresas, polígonos industriais, etc.) e a previsión é que este ano 2020 a cobertura con FTTH chegue a 39.913 novas unidades (80 novas localidades), completando a extensión de fibra nuns 800 núcleos, moitos deles orograficamente complexos e dispersos, até alcanzar as 484.439 unidades inmobiliarias cubertas.
Recursos propios e posibilidades
A empresa lembra que o fornecemento de fibra óptica en Galicia realizouse “con recursos propios e cos achegados polos programas de axudas de extensión de banda larga das administracións autonómica e central”.
A fibra óptica permitirá aos usuarios de Telefónica ir incrementando o uso de banda larga nos próximos anos “na medida que a progresiva dixitalización das actividades particulares, profesionais e empresariais así o esixa”, sinala a compañía, engadindo, no capítulo de vantaxes e beneficios que se poñen en xogo con estes equipamentos, “que a fibra óptica de Movistar ofrece voz con alta calidade nas chamadas, máxima velocidade de conexión a Internet e conectar varios dispositivos a Internet simultaneamente sen reducir velocidade de conexión, entre outras vantaxes”. Ademais, se o usuario dispón de Movistar+ terá acceso a canles de alta definición co dobre de resolución que a TDT ou o DVD e poderá gozar dos seus contidos mentres navega por Internet.

PUBLICIDADE