A fibra óptica de 100 Mbps achegada por R e AMTEGA chega antes do previsto a máis de un millón de galegos

luns, 16 de setembro do 2013 Redacción

Mar Pereira, directora de AMTEGA, e Arturo Dopico, conselleiro delegado de R

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, informou estes días que máis de un millón de galegos teñen acceso xa á redes de fibra óptica de 100 Mbps, en virtude dos traballos desenvolvidos polo operador R ao abeiro do Plan de Banda Larga da Xunta. A Axencia tamén fixo fincapé na vontade descentralizadora destas tarefas, pois unha das liñas estratéxicas desta achega de redes de Nova Xeración (NGA) foi a de centrarse en núcleos de máis de 500 habitantes, fóra das grandes cidades. O Plan, desenvolvido pola Administración autonómica en colaboración coa compañía galega R, conta cun investimento total de máis de 129 millóns de euros dos que a Xunta achega o 20%. Segundo explica AMTEGA, as redes de fibra óptica que atinxe a iniciativa de despregamento son as máis avanzadas do mercado neste intre e constitúen o alicerce do acceso a novos servizos como o fogar dixital, a computación na nube ou o teletraballo. “Trátase”, engade, “das infraestruturas que soportarán o mundo dixital dos próximos anos e condición indispensable para poder competir nun mundo globalizado”.
Para AMTEGA tamén é importante lembrar que a devandita infraestrutura ao servizo de máis de un terzo dos galegos chega medio ano antes do previsto e dous antes a nivel europeo. De feito, estamos a falar de redes de nova xeración para o 90,7% dos núcleos programados no plan, un total de 175 poboacións de máis de 500 habitantes dos 193 incluídos na parte do PDBL que lle atinxe de cheo ao operador galego. Segundo explica a Axencia, “sen contar coa poboación das sete grandes cidades galegas (onde xa máis de setecentas mil persoas teñen acceso ás novas redes), o obxectivo marcado de que outras 575.000 puidesen gozar destes servizos avanzados a peche de 2013 vén de superarse cinco meses antes do previsto no Plan de Banda Larga”. Así, tendo en conta os 27 núcleos aos que se lles deu acceso en 2010, os 77 de 2011, os 47 de 2012 e os 24 que se levan activados no que vai de ano, nestes momentos outros 594.721 habitantes de Galicia, de preto de 390.000 fogares e empresas, poden acceder ás vantaxes das redes de nova xeración por vez primeira. Todos estes núcleos dispoñen pois dun acceso á rede dun mínimo de 100 Mbps de baixada e 10 de suba e cun caudal garantido do 80%. E seguindo o previsto, o operador R continuará a despregar a súa rede de fibra óptica para lles achegar aos habitantes da comunidade servizos de 200 Mbps ao longo tamén de 2013.
Para a Axencia, é importante recordar que, en base ao devandito, “Galicia é unhas das primeiras comunidades da Unión Europea que está a subvencionar a implantación de redes de nova xeración, as máis punteiras do mercado, e seguindo o camiño descrito, a finais de 2013 a metade da poboación galega (1,4 millóns de persoas) disporá xa de acceso a redes de fibra óptica de 100Mbps, cumprindo con dous anos de adianto o obxectivo para 2015 da Axenda Dixital para España”. En total, engade o departamento que dirixe Mar Pereira, serán máis de 200 núcleos de toda a nosa xeografía os que teñan acceso a estas infraestruturas “que permitirán desenvolver modelos de negocio máis eficaces e eficientes, novas formas de producir e comercializar produtos e servizos e diferentes xeitos de comunicación entre cidadanía, empresas e administracións”.
Cómpre ter en conta, para facérmonos unha idea detallada do que significa ter ao alcance da man estes servizos de R, que os accesos de 100 Mbps van permitir, entre outras cousas, contactar con persoas próximas do noso contorno ou con profesionais da sanidade e doutros eidos da administración simplemente acendendo a nosa tele e premendo unha canle determinada. Ademais da televisión interactiva, o fogar dixital, os servizos na nube ou o traballo a distancia figuran tamén na listaxe destes novos servizos vinculados ás redes de nova xeración. A nivel empresarial, tamén se abre un mundo de posibilidades, lémbranos a compañía que dirixe Arturo Dopico, pois terán ao alcance man unha gran potencialidade para desenvolver servizos avanzados de telecomunicacións, “o que apunta unha vez máis ao sector nas novas tecnoloxías e á innovación coma un dos puntais da xeración de emprego en Galicia”.
Datos sobre R
Entre os anos 1999 e 2010 R desenvolveu un proxecto de construción dunha nova rede de telecomunicacións por fibra óptica cun investimento duns 800 millóns de euros e cunha cobertura total de máis de 800.000 fogares e empresas. Arestora, a extensión de redes de alta velocidade de R xa é unha das actuacións máis importantes do Plan de Banda Larga 2010-2013 (aprobada o 16 de setembro de 2010 no Consello da Xunta). O apoio da administración autonómica a R reforza o obxectivo de situar a Galicia á vangarda das telecomunicacións para competir en Europa e no resto do mundo despregando na comunidade estas redes de inxentes posibilidades e que serán a base de servizos diferenciais e elementos imprescindibles para o desenvolvemento empresarial e a xeración de emprego en Galicia.

PUBLICIDADE