A festa Vespalacón de Cuntis promóvese en YouTube

mércores, 4 de marzo do 2009 Fernando Sarasketa


Spot do I VespaLacón de Cuntis

Mesturar vehículos de dous rodas cun dos piares da nosa gastronomía, o lacón, non é que sexa algo novo, pero si a súa reivindicación. A mestura, lonxe de resultar inoportuna, tiña tanta potencialidade que xa ten festa oficial: a primeira convocatoria (e as que veñan) da Vespalacón, encontro galego de moteiros que, como o seu propio nome indica, sosten a súa razón de ser sobre as misteriosas ligazóns de irmandade que unen a todos aqueles que defenden o tradicional no mellor sentido do termo. Neste caso: motos antigas e lacón. Pois ben, a festa en cuestión, xa de por si froito dunha maridaxe salientable, vén cun terceiro ingrediente a ter en conta: a Rede. Segundo informa La Voz, a organización da festa está a tirar o máximo partido das novas tecnoloxías para acadar a máxima repercusión nos seus obxectivos, máis concretamente do servizo de vídeos YouTube. O encontro moteiro, que está vinculado á Festa do Lacón con Grelos de Cuntis (por iso se celebra igualmente o 15 de marzo na localidade pontevedresa), aparece no devandito servizo con todas as súas galas: cunha peza audiovisual de 48 segundos protagonizada e dirixida por Francisco Campos (membro da Asociación Escola Artística de Cuntis) e na que se dá conta de todo o que non se pode deixar de facer para poñerse a punto física e mentalmente de cara á vindeira competición.
Por certo que, amais do devandito anuncio en YouTube, a organización da festa ten aberta unha web na que se informa polo miúdo de todos os requerimentos básicos para participar na xuntanza máis alá dos definitivamente obvio: ser seareiro das motos vellas, a poder ser vespas ou lambrettas, e, a maiores, abandeirar a loita a prol dunha gastronomía nosa, tradicional, chegando a todos os recantos do mundo.

PUBLICIDADE