A ferramenta estatal Radar COVID estará operativa en toda España a mediados de setembro

mércores, 19 de agosto do 2020 S. P.

O Goberno vén de dar máis detalles sobre as datas de operatividade definitiva da aplicación estatal Radar COVID, da que falamos onte en Código Cero destacando a adhesión á mesma do Goberno galego, que, como lembraremos, ten en fase de probas unha ferramenta tecnolóxica antiCOVID propia, Pass COVID, que será interoperábel coa estatal. Segundo fixo saber o Ministerio de Sanidade, o 15 de setembro é a data que baralla o Estado para que a aplicación de rastrexos de persoas infectadas estea dispoñíbel en toda España. Porén, haberá un adianto nos últimos días de agosto. Estímase que este adianto levarase a cabo en tres comunidades.
Isto débese que a Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial precisa de prazos para incorporar a app a cada un dos sistemas informáticos sanitarios das Comunidades, que son específicos e particulares. Segundo puidemos, saber, as que presentan unhas condicións máis idóneas para a implementación inmediata de Radar COVID son Baleares, Aragón e Canarias. De feito foi nesta última Comunidade, na Gomera, onde se realizou a proba piloto da ferramenta, unha experiencia na que se acadou o dobre de efectividade cá conseguida cun rastrexador normal. Respecto da posibilidade de descargar Radar COVID no noso dispositivo, pode facerse aínda que non teremos operatividade na mesma até que se active definitivamente nas Comunidades a partir de setembro.

Máis información de Radar COVID

Radar COVID posibilita identificar contactos detectados de xeito automático pola propia ferramenta a través de Bluetooth. Este servizo estará dispoñíbel superada xa a fase de probas en xullo, na illa da Gomera e sobre unha base de poboación reducida e controlada: 3.000 persoas usuarias. Durante este período, a aplicación foi quen de rexistrar 6,4 contactos estreitos por positivo ficticio confirmado, unha cifra que duplica as cifras achegadas mediante rastrexo manual.
A aplicación Radar COVID, segundo informaron fontes estatais este mes de agosto, está a poñer o foco, nesta primeira etapa do seu lanzamento, nas zonas máis afectadas polos gromos de coronavirus.
Como dixemos, tira proveito da conexión Bluetooth dos nosos teléfonos móbiles e dunha funcionalidade que garda, en cada trebello, o identificador anónimo emitido polos móbiles da contorna que se aproximen e se manteñan preto durante máis de un cuarto de hora. Deste xeito, cando unha persoa é diagnosticada co coronavirus ten na súa man activar este dato na ferramenta e manter ao seu arredor un cordón de seguridade.

PUBLICIDADE