A exposición itinerante Galiciadixital visita Lugo

venres, 1 de outubro do 2010 Redacción

Os aerodeslizadores <a href="http://www.xunta.es/actualidade?content=/Portal-Web/Contidos/Novas/nova_estandar3210.html">foron uns dos contidos máis visitados da exposición</a> durante a pasada edición de Xuventude Galicia NetO vindeiro luns, 4 de outubro, inaugúrase no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo a exposición itinerante e interactiva da Secretaría Xeral de Medios, Galiciadixital, que ademais dos seus contidos habituais, como o tiraboleiro virtual ou o xogo Aerodeslizadores por Compostela, acolle tamén outros relacionados co 25 aniversario da CRTVG.
A través desta exposición, que ten a súa sede permanente no Mosteiro de San Martiño Pinario, en Santiago de Compostela, desde hai máis de dez anos, a Secretaría Xeral de Medios pretende amosar a galegos e galegas de todas as idades os contidos audiovisuais e multimedia realizados por empresas e universidades da comunidade, valéndose para iso dunha experiencia interactiva diferente á dos museos convencionais, na que os visitantes non son simples espectadores, senón que poden participar en todo o percorrido.
Os que visiten as instalacións poderán gozar dalgúns dos contidos habituais da mostra Galiciadixital, como o xogo Aerodeslizadores por Compostela, no que poderán descender pola zona histórica dunha cidade galega virtual nun futurista aerodeslizador desenvolvido pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Tamén poderán xogar co canciño Axóuxere ou converterse en tiraboleiros do Botafumeiro da Catedral de Santiago por un día, grazas ao tiraboleiro virtual, entre outras actividades.
Ademais, os visitantes poderán tamén somerxerse nun mundo virtual a través de proxeccións en tres dimensións como As cidades do camiño, visualización de imaxes panorámicas de 360º nunhas pantallas que colgan do teito, onde cada un dos usuarios poderá realizar paseos virtuais xirando a pantalla coas súas mans por aquelas cidades polas que discorren os diversos camiños de peregrinación a Santiago.
Por outra banda, a mostra acollerá, durante a súa estadía en Lugo, unha serie de contidos encamiñados a celebrar os 25 anos de vida da CRTVG, como un vídeo conmemorativo que recolle diferentes momentos que marcaron o pasado e o presente da compañía, unha zona expositiva de obxectos relacionados coa radio e a televisión e unha serie de paneis ilustrativos da historia do ente autonómico. Tamén, grazas ao plató Chroma Key, os que o desexen poderán converterse en presentadores de informativos, situándose nun espazo desde o que se verán reflectidos nunha pantalla TFT de gran formato.

PUBLICIDADE