A experiencia europea de colaboración TIC, ao descuberto no almorzo que organiza Ineo

venres, 1 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

O almorzo de traballo Cooperación en tempos de crise que organiza Ineo este luns día 4 na Coruña contará co apoio dunha das asociacións empresariais de maior significancia no eido europeo das novas tecnoloxías da información. Falamos de PIN-SME, entidade creada en 2007 para representar os intereses das compañías tecnolóxico-dixitais do ámbito da UE e que arestora abrangue un total de 10 asociacións nacionais e rexionais. A entidade, que estará representada no almorzo de traballo polo seu comisario da rede de negocios (Rémi Orth, quen intervirá na xuntanza a partir das 10.30 horas), conta na actualidade con máis de 50.000 empresas asociadas, o que entre outras cousas significa arredor de 200.000 traballadores do eido TIC.
PIN-SME, constituída por un número salientable de especialistas en mercados dixitais e estruturada en distintos grupos de traballo (algúns deles moi ligados á cooperación), é segundo informa Ineo “a voz das pequenas e medianas empresas do sector europeas no ámbito político e empresarial”. O comisario da rede negocios da entidade, Rémi Orth, representa en boa medida esta vontade de colaboración empresarial e institucional que se leva anos impoñendo na dita plataforma europea. O seu relatorio na xornada de Ineo, que como dixemos estes días vaise celebrar na sede da Confederación de Empresarios da Coruña (praza Luís Seoane torre 1, entreandar), xirará arredor da importancia da colaboración como recurso a pór en xogo para superar a crise produtiva. Ao relatorio en si mesmo seguiralle unha rolda de debate dirixida a pór en xogo, precisamente, a máxima participación por parte dos asistentes nas liñas expostas polo convidado.

PUBLICIDADE