A evolución da crise obriga ao Carballo Interplay a achegarse integramente online

luns, 9 de novembro do 2020 S. P.

Sonia Méndez, directora do Carballo Interplay nunha entrevista recente para Ollodevidro.gal

A sétima edición do festival de contidos en liña Carballo Interplay, cuxo comezo está previsto este 18 de novembro, achegará todas as súas actividades da Rede. Así o confirmaron as entidades que organizan o certame (Interplay Producións e Concello de Carballo), informando tamén de que esta transformación será aproveitada como unha inmellorábel oportunidade para reflexionar sobre as tecnoloxías que fan posíbel (precisamente) esta transformación. En concreto, no festival analizarase “como as tecnoloxías emerxentes converten festivais e espazos físicos en contidos multipantalla, da man dos profesionais máis reputados deste eido en Galicia”. Profesionais como Carlos Seijo (Maxina) e Toño Cabanelas (Liveforevr).
Seijo e Cabanelas, máis polo miúdo, detallarán as posibilidades creativas dos efectos dixitais, da Realidade Virtual e Mixta ou da Intelixencia Artifical, aos que se van sumar Jorge Boquete (para ofrecer un obradoiro sobre a emisión semiprofesional de contidos audiovisuais por streaming), e máis Ana Domínguez (S8) Ángel Sánchez (Play Doc), que afondarán na adaptación dos festivais audiovisuais á distancia social.
Respecto da decisión de adaptar á contorna online a totalidade do programa de actividades, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, manifestou que “a propia realidade obrigounos a trasladarnos a esta época de pandemia e a cumprir con todas as normativas sanitarias en cada momento”. Pola súa banda, a directora do certame, Sonia Méndez, lembrou que “a cultura é segura” e que “dende a organización do festival non temos dúbida ningunha ao respecto, pero a evolución da crise sanitaria e as restricións de movemento ditadas polos distintos gobernos autonómicos ao longo dos últimos días para afrontar esta segunda onda da COVID obríganos a repensar a conveniencia de manter as actividades presenciais nestas condicións”.
Sonia Méndez recorda tamén que “o Carballo Interplay é un certame de contidos dixitais” e que “vimos da Internet e este ano imos ter que volver á Rede, para coidar, para coidarnos e para demostrar que a esencia do festival non reside en nada máis que en compartir creatividade e amor dixital, ben sexa en persoa ou a través das plataformas”.
Todas as actividades do festival poderán verse de xeito libre e gratuíto a través de varias plataformas (Youtube, Facebook e Twitch), o programa está dispoñíbel na web do Interplay.
Transportando realidades ao mundo dixital
Os especialistas Carlos Seijo (Maxina) e Toño Cabanelas (Liveforevr) explicarán como en tempos de distancia social, “nos que as interaccións están máis que nunca mediadas pola pantalla”, as tecnoloxías emerxen para crear novos mundos pero tamén para achegarnos doutro xeito aos mundos que xa coñecemos, nunha actividade que conta coa colaboración da Asociación Galega de Proferionais da Dirección e da Realización (CREA).
Desde a transformación de San Juan de Gaztelugatxe en Rocadragón ata a resurrección de Salvador Dalí ou a asistencia virtual a eventos, Carlos Seijo falará no Carballo Interplay de tecnoloxías emerxentes como o deepfake ou a Realidade Virtual e Mixta, ao tempo que nos presentará varios dos proxectos que creou á fronte do estudio Maxina.
Toño Cabanelas, pola súa banda, presentará a publicación inmersiva e distópica Liveforevr, que recolle patrimonio cultural en XR (Realidade Estendida) da man dun grupo de creadores e curadores de contidos 3D sobre música, fotografía, cinema, videoxogos e arte.
Amais, a directora do Carballo Interplay, Sonia Méndez, falará con Ana Domínguez (directora do S8) e Ángel Sánchez (director do Play Doc) sobre as fórmulas aplicadas polos festivais audiovisuais galegos no contexto da pandemia, como a colaboración con plataformas de streaming, a creación de contidos específicos para a Rede ou o deseño de actividades para a súa produción e retransmisión online. Esta conversa, que poderase ver en streaming (coma o resto das actividades do festival), está organizada en colaboración coa Coordinadora Galega de Festivais de Cinema (Proxecta).
FormaCIP en tempos de Coronavirus
O Carballo Interplay adaptou o seu programa formativo á situación actual e na semana do festival ofrecerá un obradoiro sobre Como emitir en streaming sen morrer no intento, impartido por Jorge Boquete. O curso, de 12h horas de duración, custa 25€ e poden asistir un máximo de 12 persoas, que aprenderán as claves para emitir contidos audiovisuais por streaming de xeito semiprofesional.

PUBLICIDADE