A estudante noiesa Lidia Dosil gaña o primeiro premio de comunicación científica que convoca a web GCiencia

martes, 29 de xullo do 2014 Redacción

Lidia Dosil Tajes, alumna da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo (Campus de Pontevedra), resultou a gañadora do primeiro Premio Universitario La Caixa de Comunicación Científica, un certame que convoca GCiencia, a web da ciencia galega. Segundo informan os responsábeis desta canle en liña, Dosil, natural de Noia, presentou unha reportaxe titulada A física vai ó balneario, na que trata as aplicacións que investigadores da Universidade de Vigo realizan a partir de algas, nunha iniciativa na que colaboran o Departamento de Física Aplicada e o Hotel Talaso Atlántico de Oia.
O xurado do premio estivo integrado por representantes de La Caixa, as universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, a delegación territorial en Galicia do CSIC e un representante de Gciencia.
Nas súas votacións valorouse “o gran nivel dos traballos presentados”, informa GCiencia. O certame tivo como finalistas a Andrea Espiñeira (Medicamento xenómico baixo o paraugas de Anxo Carracedo), Sabela González (A escritura da luz), Carlos Rey (Trastornos do sono: doenzas máis aló da consciencia), Sara Pérez Seijo (Innopharma: unha pegada galega na industria farmacéutica) e Andrea Oca (Saúde mental: traballar coa parte sa).
O devandito certame convocado por GCiencia diríxese a animar aos universitarios á divulgación científica e a coñecer os seus campus, amais de promover o xornalismo científico.

PUBLICIDADE