A escola coruñesa Hack A Boss inicia un programa piloto de xornada laboral de catro días

martes, 5 de abril do 2022 S. P.

A escola coruñesa Hack A Boss, cuxa actividade céntrase en formar a especialistas en programación, puxo en marcha un programa piloto que inclúe a posta en marcha da semana de catro días laborables, sen recorte salarial. Así, as máis de 30 persoas que conforman o persoal da escola traballan unicamente de luns a xoves e intercalan un venres libre con outro, no que realizan actividades para mellorar as relacións entre os diferentes membros do equipo. “Isto permite xerar vencellos máis aló da pantalla, debido á alta porcentaxe de persoas que fan o seu traballo en remoto”, explican dende Hack A Boss, engadindo que entre as ditas actividades inclúense charlas e eventos culturais, deportivos, gastronómicos e de emprendemento.

Pablo Rodríguez, CEO de Hack A Boss

A fórmula pola que se aposta, segundo apunta Pablo Rodríguez González, fundador e director executivo de Hack A Boss, é de apostar polo tempo libre para xerar maior produtividade. En concreto, a iniciativa “busca aumentar a satisfacción do persoal a través de diferentes beneficios, como poder gozar dun día libre polos seus aniversarios e os dos seus fillos, de ser o caso, e tamén cando se sume un animal de compañía á familia”.
Doutra banda, os empregados de Hack A Boss libran automaticamente todas as pontes. Por exemplo, o Día das Letras Galegas 2022, o vindeiro martes 17 de maio, será festivo, pero o persoal librará tamén o luns 16 de maio, para “ter así unha ponte estendida de desconexión”. Ademais, ningún destes beneficios afecta as vacacións.
“Son cada vez máis os aspirantes a un posto de traballo que buscan mellores condicións laborais e existe a idea errónea de que iso só se refire ao salario. Para nós, estes beneficios son unha forma máis de atraer e reter talento na nosa empresa, xa que os mellores traballadores buscan tamén as mellores condicións”, sinala o responsábel da empresa, engadindo que “traballamos con base en obxectivos e resultados, non é necesario cumprir estritos horarios para lograr metas establecidas”.
Hack A Boss é como dixemos unha escola galega especializada na formación de talento tecnolóxico en formato intensivo: os bootcamps. Neste espazo de formación poñen o foco en preparar á próxima xeración de programadores full stack, con capacidade para crear e manter calquera produto dixital como unha tenda en liña, unha aplicación móbil ou unha web. A formación que ofrecen é tanto presencial, no seu campus da Coruña, como en remoto, ademais de formatos para empresas.

PUBLICIDADE