A empresa galega Coremain mellora competencias en sanidade e telecomunicacións

venres, 3 de outubro do 2014 Redacción

JPEGA empresa galega Coremain, unha das primeiras consultoras do ámbito estatal especializadas nas TI (abriu as súas portas no 1991), vén de anunciar a incorporación de dous novos membros co gallo de consolidar a súa estratexia de especialización sectorial. Cómpre subliñar que estes dous profesionais estarán á fronte de dous sectores fundamentais para a compañía: a sanidade e Telecom.
A empresa de Santiago de Compostela, que xa é un referente no ámbito sanitario (pois contribuíu cos seus proxectos á modernización dos sistemas informáticos da sanidade española), incorporou a José Outón Bouzas, con máis de 20 anos de experiencia no sector e con cumprida formación específica na área sanitaria, para responsabilizarse do desenvolvemento de negocio neste eido.
A carreira profesional de José Outón está ligada ao ámbito das TIC aplicadas ao sector sanitario, con especial énfase na mellora da xestión e atención aos pacientes por unha banda e a obtención da mellor performance para as institucións. Coremain lembra tamén que José Outón posúe ademais “unha marcada orientación aos mercados internacionais pois dirixiu a aposta e internacionalización de varias compañías, con gran experiencia en LATAM e Norte de África, capacidades que encaixan á perfección cos obxectivos de Coremain que vén de abrir delegación en México D.F”.
Así mesmo, cómpre lembrar que, de cara a reforzar a especialización, a empresa adquiriu a mediados de ano a liña de telecomunicacións da empresa Discalis, polo que á hora de seleccionar un responsable para o desenvolvemento de negocio no sector Telco, apostou por Manuel Rodríguez Torrecilla, que posúe máis dunha década de experiencia en mercadotecnia e vendas do sector das Tecnoloxías da Información. Dicir que Torrecilla durante a súa última etapa en Discalis, impulsou o negocio do sector Telco tanto a nivel nacional coma internacional, e contribuíu tamén á consolidación, ao recoñecemento e á visibilidade desta compañía como consultora experta na optimización de sistemas das operadoras.

PUBLICIDADE