A empresa compostelá Coremain afiánzase en México

xoves, 6 de marzo do 2014 Redacción

De esquerda a dereita, José Luís Madrid (Valora Consultores), Tito Barreiro (Coremain) e César Branco (Academia Postal)

Dende a súa creación en 1991, Coremain evolucionou até converterse nunha das primeiras consultoras españolas especializadas novas tecnoloxías da información. Froito deste proceso de evolución e un ano despois da posta en marcha dun importante proceso de transformación de compañía, Coremain vén de dar comezo ás súas operacións comerciais en México. Tras crear unha empresa radicada no devandito país -coparticipada coas galegas Valora Consultores e Academia Postal e apoiados dende un punto de vista financeiro polo plan PRIMEX do IGAPE- a empresa compostelá abriu recentemente unha oficina comercial nunha das zonas empresariais de México DF.
O director de Desenvolvemento de Negocio da compañía -Tito Barreiro- estivo no país nunha misión comercial cun resultado que cualifica de “moi positivo”, pois é probábel que nas vindeiras semanas se peche o primeiro dos proxectos no sector da sanidade. Cómpre salientar que a internacionalización da compañía nunca se viu como un fin, “senón coma un medio para ampliar o mercado ao que achega os seus servizos e produtos”. No caso do país norteamericano, cunha poboación superior aos cen millóns de habitantes, o foco da actividade está nos servizos e produtos encamiñados ao sector sanitario e ao sector da sustentabilidade.

PUBLICIDADE