A embaixada galega en FITUR dá conta dos recursos turísticos do país pola Rede

mércores, 28 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

A feira de turismo estatal FITUR abriu as súas portas este mércores para dar a coñecer, dende Madrid, o máis salientable do eido español e internacional na actividade empresarial vinculada ás viaxes, a gastronomía ou á cada vez máis variada oferta de aloxamento. Segundo advirten os responsables do salón (que fica aberto até o domingo 1 de febreiro), as novidades vinculadas ao turismo teñen cada vez máis unha feitura e un desenvolvemento dixital: a actividade turística propiamente non só se procura e xestiona a través das redes, senón que tamén se vive. Neste marco físico-virtual é onde se están a mover, precisamente, as delegacións galegas público-empresariais desprazadas á feira FITUR, Consellería de Innovación e Vicepresidencia inclusive.
Para facérmonos unha idea: este ano Galiza non só conta con stand físico no recinto IFEMA, senón que tamén achega un stand virtual: o da web www.galiciafitur2009.com, da que xa falamos hai uns días en Código e que está arestora servindo de xanela cara ao mundo de todo o que se organiza no emprazamento orixinal.
De feito, a idea dos responsables da páxina web (o equipo de Turgalicia, dependente da Consellería de Innovación), era achegar con este espazo un apoio para a difusión das actividades de promoción do turismo na nosa terra e, tamén, unha xanela que cubrise e ofrecese en tempo real todo o presentado no IFEMA. Sen ir máis lonxe, hoxe foi posible atender á presentación dunha guía sobre os atractivos gastronómicos e festivos de Lugo, Ourense e Pontevedra, estando prevista para a tarde a posta en longo dos paquetes FEGATUR de turismo rural ou dos recursos paisaxísticos e de lecer de Arousa Norte.

PUBLICIDADE