A edición viguesa de Finde.U congregou máis de medio milleiro de participantes
xoves, 24 de outubro do 2019
Estas
son xornadas de networking arredor do talento, o emprego e a
innovación. Se os días pasados falamos
do Talentia Summit de Compostela, no que participou un número
considerábel de empresas e candidatas e candidatos a formar parte
delas, este mércores arrancou
dende a UVigo a cuarta edición da Feira Internacional de Emprego
Universitario Finde.U, que comezou con máis de medio milleiro de
persoas inscritas e medio cento de empresas participantes.
Foron
dous días (máis as xornadas de continuidade da semana que vén, en
Portugal) en aberto, o que significa que puido participar no evento
todo o alumnado (e ex-alumnado) das máis variadas áreas de
formación. O obxectivo: dinamizar o mercado laboral permitindo
encontros cara a cara.
Finde.U
prolongarase, por ser un acontecemento galego-luso, a vindeira semana
(días 29 e 30) ás instalacións de Exponor (Porto). Participaron na
edición viguesa, achegando actividades varias, empresas como o Grupo
Hotusa, Torres e Carrera Consultores de Comunicación, Indra,
Televés, Viewnext, PSA Peugeot-Citroen, Cafés Las Candelas ou
Nortempo, amais das entidades AlantTIC (Centro de Investigación en
Telecomunicación da UVigo), Centro Tecnolóxico da Automaticación
de Galicia (CTAG), COGAMI, CETMAR, DomusVi, EURES Transfronteirizo
Galicia-Norte de Portugal, Universidade de Vigo ou IESIDE Business
School.
A
feira, que vén da man das universidades de Vigo, Porto e Tras-os-Montes e Alto Douro, puxo este ano un especial esforzo en que
participasen na feira empresas de todos os sectores, buscando así
que calquera estudante tivera compañías adaptadas ao seu perfil nas
que poder entregar o currículo. “Coas anteriores edicións fomos
detectando que a oferta de empresas tecnolóxicas era moi ampla pero
que había eivas noutros ámbitos e isto foi algo que intentamos
corrixir”, explicou a vicerreitora da UVigo Natalia Caparrini, quen
salientou a presenza nas instalacións do IFEVI de varias firmas con
perfís interesantes tanto para o alumnado do ámbito científico
como do xurídico-social e as humanidades.
A
inauguración da cuarta edición da Finde.U tivo lugar a primeira
hora da tarde do martes e nela contouse coa participación de Manuel
Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Abel Caballero, alcalde;
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; Corina Porro,
delegada da Xunta de Galicia en Vigo, e Ernesto Pedrosa, presidente
do Consello Social da Universidade de Vigo, entre outras moitas
autoridades tanto galegas como portuguesas. Todos destacaron “a
importancia dun evento que serve de punto de encontro entre
universidades, empresas e institucións”.