A edición galega do Derrame Rock xa ten páxina web

venres, 21 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

A dezaseis edición do festival Derrame Rock, un dos certames máis senlleiros do norte da Península, xa ten nova páxina web propia de seu. O sitio en liña do evento, que se achega en galego e máis en castelán, representa unha completa ollada ao pasado e presente do festival (novas, artistas convidados, entradas, foro, edicións anteriores, etc). Cómpre lembrar que o Derrame Rock é un certame nómade, e así se nos fai saber na propia web, onde se traza un percorrido polos seus diferentes emprazamentos: comezando en Asturias (Grado, Xixón, Oviedo, Langreo, Pravia) e agora Ourense, entre o 23 e o 25 de xuño no recinto de Expourense.
A nova web, que se inaugurou esta mesma semana, é un foco activo de información. De feito, permite a subscrición na listaxe de correo co fin de obtermos datos continuos e actualizados de todo o que acontece no festival.
Entre os grupos confirmados para a edición galega atopamos os seguintes. Los Suaves, Ojos de Brujo, Lamatumbá, O´Funk´illo, Def Con Dos, Escuela de Odio, Dixebra, Hamlet, Gatillazo, BerryTxarrak, Siniestro Total e o tributo a Extremoduro, De Acero. A cifra total de grupos participantes é arestora de 50 bandas.
Amais da web, os organizadores do festival tamén puxeron en marcha un sitio propio de seu no Facebook, co fin de dar marxe para a achega persoal de opinións dos seareiros.

PUBLICIDADE